Comezan esta semana as Rutas de Artes e Oficios, co fin de achegar á cidadanía os artistas tomiñeses O punto de encontro da primeira das visitas será a moblería “Muebles Costa” en A Costa 14, Tomiño, as 20:30 horas, dende o cal se partirá cara o taller de Liliya Pobornikova e Nando Álvarez

Este xoves, 12 de xullo, comezan as Rutas de Artes e Oficios 2018; unha das numerosas actividades de verán organizadas polo Concello de Tomiño dende a Aula-Museo Antonio Fernández de Goián.

Tomiño é terra de artistas, pintores, escultores, ceramistas e un longo etcétera. Facéndose eco desta realidade, o Concello organiza, por segundo ano consecutivo,  diversas actividades relacionadas cas artes e os artistas.

Unha das máis interesantes é a chamada Ruta das Artes e Oficios, que tenta dar a coñecer a riqueza cultural e patrimonial do municipio. Pero dun xeito directo e diferente, coma é a visita dos talleres e estudos dos artistas locais, co fin de coñecer de primeira man as súas obras e os procesos de traballo, así coma os materiais que cada un utiliza nas súas creacións.

A actividade é para todos os públicos e de balde, e so é preciso inscribirse na páxina do concello neste link:  https://tomino.gal/inscricion-de-actividades-de-arte-e-patrimonio/

A primeira visita, xoves 12 de xullo, será ao estudo de escultura e cerámica de Liliya Pobornikova e Nando Álvarez. A segunda será o día 26 de xullo, con Antúnez Pousa (escultura); a terceira, o día 9 de agosto con Pilar Alonso (pintura) e a cuarta e última, o día 30 de agosto, con Xuxo Vázquez (escultura).

O ano pasado, participaron na ruta outros cinco artistas afincados no concello: Eulalia Jackson, Leandro, Magín Picallo, Fundición Arte Bronce e Carlos Fernanández. Todos eles, xunto aos cinco deste ano, participan nunha exposición de arte que se pode ver no Mercado Municipal.

Liliya Pobornikova nace en 1979 en Bulgaria. Actualmente vive e traballa en Tomiño. Estuda na Escola Nacional de Artes en Sofía – Escultura en madeira.

Traballa con diferentes materiais, como: pedra, madeira, metal, cera, formigón, bronce, cerámica, xeo, neve – tamén na arte na natureza. As súas esculturas están representadas en coleccións públicas, entre as que destacan obras en museos de Taiwan, Dinamarca,  Eslovenia, Exipto, China e Brasil, así como en coleccións particulares.

Participa en 101 simposios de escultura en 31 países dende 2001 ata a actualidade. Austria, Arxentina, Bulgaria, Brasil, China,  Chipre, Dinamarca, Exipto, Francia, Alemaña, Guatemala, Italia, Xapón, Luxemburgo, Lituania, Letonia, México, Noruega, Paraguai, Portugal, Polonia, Rusia,  Eslovenia, Suecia, Suíza, España, Turquía, Taiwan, Tailandia e EE. UU.

Recibe premios polo seu traballo fotográfico en “Revista Destacados” e ” National  Geographic  Magazine”, e premios en diversos simposios e concursos.

www.pobornikova.com

 

Nando Álvarez, natural de Tomiño, nace en 1975. Cursa a licenciatura de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela e posteriormente un ciclo superior de Escultura na escola Mestre Mateo.

Traballa principalmente con mármore e granito, aínda que tamén con bronce e madeira. As súas obras acusan a influencia da natureza a través das formas e movementos  orgánicos.

A súa actividade expositiva comeza en 1996, en Tomiño, e a partir de aí, recorre diferentes cidades e países participando en mostras tanto colectivas como individuais.

Ao longo da súa carreira participa en máis de 80 obradoiros, concursos e simposios internacionais de máis de 20 países diferentes, entre os que se encontran China, Brasil, Turquía, Alemaña, Francia, México ou Estados Unidos.

A súa obra está representada en coleccións particulares e públicas ao longo do mundo.

www.nandoalvarez.com

 

A segunda saída será o 26 de xullo, ocasión na que o escultor tomiñés, Antúnez Pousa, abrirá as portas do seu estudo a todas as persoas que queiran coñecelo.

O xoves 9 de agosto, será Pilar Alonso (pintora) quen amose o seu traballo e, finalmente, o 30 do mesmo mes, Xuxo Vázquez, escultor afincado en Tomiño, revelará algúns secretos da súa forma de facer arte.