Comunicado aclaratorio sobre o despregue de fibra óptica no Concello de Tomiño O goberno local lamenta o malestar que se está a xerar entre a veciñanza ante a información errónea dalgunhas compañías operadoras

Ante as informacións erróneas que se veñen difundindo con respecto ao despregue de fibra no noso municipio, dende o Concello de Tomiño emitimos este comunicado para informar á veciñanza sobre a situación na que se atopa a implementación de redes ultrarrápidas de conexión a internet nos barrios e parroquias.

A fibra óptica chegou a Tomiño a finais de 2019, acadando a día de hoxe máis do 75% das Unidades Inmobiliarias (UUII) susceptibles de ser potenciais clientes (vivendas, locais comerciais, oficinas, etc.).

No camiño de facilitar o despregue da fibra e tendo en conta a normativa vixente, o Concello non obriga ás compañías operadoras a canalizar de forma sistemática esta rede no municipio, e así se lles comunicou ás enxeñerías de telecomunicación.

O departamento de Urbanismo está a aprobar as instalacións de postes debidamente  solicitadas e xustificadas e só ten realizados requerimentos por afectar a zonas de protección patrimonial ou por cuestións de seguridade.

Dende o goberno local tratamos de manter unha escoita activa das demandas, opinións, inquedanzas e suxestións que veciños e veciñas expresan nas diferentes canles de comunicación nos que o Concello ten presenza. Por este motivo, encargámonos de comunicar aos equipos técnicos das compañías as incidencias que nos transmite a veciñanza, para que traten de resolvelas.

Dende o Concello de Tomiño somos conscientes da importancia que ten hoxe en día contar con fibra óptica para mellorar a conectividade tanto da veciñanza como do tecido empresarial. Por este motivo, para facilitar ao máximo o seu despregamento o departamento de Urbanismo e responsables políticos mantiveron varias reunións cos responsables das compañías a fin de axilizar os expedientes.

Lamentamos profundamente o malestar que esta situación está a xerar entre os nosos os veciños e veciñas e reiteramos o noso desconcerto ante a argumentación dalgunhas compañías operadoras. Continuaremos traballando para que os tomiñeses e tomiñesas poidan gozar dun ben que neste momento xa é esencial para o desenvolvemento das súas vidas e do seu emprego.