Concello e Anabam colaboran na protección dos niños de andoriñas

Concello e Anabam colaboran na protección dos niños de andoriñas O Goberno municipal rehabilitou unha antiga barreira de nidificación en Taborda para que poida volver ser empregada por estas aves

O Concello de Tomiño e a Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM) unen forzas para a protección dos niños de andoriñas na comarca. O Goberno municipal sumouse, por segundo ano consecutivo, ao ‘Proxecto Andoriña’, unha campaña posta en marcha pola asociación que busca a conservación dos niños de andoriña dáurica e da andoriña dos penedos no Baixo Miño recadando toda a información de campo posible e involucrando a administracións e veciñanza.

Como salienta a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, “as andoriñas son especies que forman parte da fauna da comarca, pero con poboacións que están en paulatina regresión pola destrución dos seus niños. Por iso, cando nolo propuxo ANABAM, nos pareceu moi boa idea e nos implicamos dende o primeiro momento, xa que esta asociación é moi coñecedora do terreo. Trátase de por en marcha medidas que permitan que as colonias poidan volver a Tomiño e a toda a comarca, protexendo e conservando as súas zonas de aniñamento”.

Neste camiño, o Concello rehabilitou e acondicionou unha antiga barreira de aniñamento en Taborda, unha zona de nidificación de andoriñas das barreiras que estaba cuberta por unha espesa vexetación que impedía ás aves acceder ao espazo. Coa colaboración da Comunidade de Montes de Taborda, o Goberno municipal levou a cabo os traballos de retirada da vexetación para despexar a barreira e facilitar de novo a nidificación. Xunto a esta zona de nidificación rehabilitada, Tomiño conta tamén con outra barreira de aniñamento en boas condicións, tamén en Taborda, na que durante unha das visitas o pasado ano se puideron avistar un grupo dunhas 20 andoriñas sobrevoando a zona. Aínda que o ano pasado se comprobou pola asociación que non chegaron a aniñar, é importante conservar a zona ó seu dispor.

Ana Belén Casaleiro participou ademais a finais de ano na entrega de premios da campaña de protección dos niños de andoriñas do Baixo Miño 2023, uns galardóns postos en marcha por ANABAM que busca premiar a colaboración cidadá co ‘Proxecto Andoriña’. A Estación Ornitolóxica da Pasaxe acolleu o acto de entrega dos premios, nos que o tomiñés Javier, de Cristelos, acadou un dos dous accésits outorgados.

ANABAM xa ten en marcha a campaña de 2024 (nas que colaboran tamén os concellos da Guarda e do Rosal), coa que busca recoller datos das diferentes especies de andoriñas presentes no Baixo Miño, tanto da marxe galega como da portuguesa. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa só teñen que cubrir un cuestionario dispoñible na web da asociación achegando información de cada un dos niños dos que teña coñecemento, así como dúas fotos, unha dun primeiro plano do niño e outra xeral para ver a súa situación. ANABAM agradece a participación de todas as persoas que xa se sumaron á campaña nesta e noutras edición, especialmente a aquelas que permiten que as andoriñas sigan aniñando nas súas vivendas, garaxes…, así como dos concellos colaboradores e de todos os veciños e veciñas que colaboran na difusión da iniciativa ou que apoian economicamente á asociación para seguir desenvolvendo diferentes liñas de protección e conservación da biodiversidade baixomiñota.