Concentración de autocaravanistas na estrea da nova área de estacionamento de Goián

Concentración de autocaravanistas na estrea da nova área de estacionamento de Goián Tomiño inaugurou a súa primeira área para autocaravanas esta fin de semana con decenas de persoas gozando da natureza, do patrimonio e da convivencia

O Concello de Tomiño vén de dar un paso adiante no turismo de autocaravana. Decenas de autocaravanistas déronse cita esta fin de semana en Goián na estrea da área de aparcadoiro situada preto da Escola de Música, unha zona con 8 prazas sinalizadas e que conta con todos os servizos necesarios para acoller a este novo tipo de visitantes.

Concentración de autocaravanistas na estrea da nova área de estacionamento de GoiánMembros da Asociación Galega de Autocaravanas probaron e testaron as novas instalacións nunha fin de semana de natureza, patrimonio e convivencia na que tamén celebraron o encontro anual da entidade. “Para nós é un orgullo brindar as e aos viaxeiros a oportunidade de explorar a nosa rica cultura, gastronomía e contorna natural dun xeito cómodo e respectuoso, ao tempo que se atrae a máis turistas e se beneficia a economía local”, salientou a alcaldesa, Sandra González.

Para a rexedora a posta en marcha desta área “facilitará a chegada de visitantes a Tomiño, xa que nos últimos anos o turismo de autocaravana consolidouse como un modelo de viaxe alternativo, con cada vez máis persoas que percorren dun xeito diferente moitas zonas rurais e urbanas”.

O Concello de Tomiño investiu máis de 48.000 euros en acondicionar este aparcadoiro, que conta con servizo de baleirado de augas grises de cociña e augas negras (WC), así como de abastecemento de auga para poder encher o depósito e iluminación pública, axardinamento e arborado de perímetro. A de Goián é a primeira área de autocaravanas coa que contará o municipio, xa que se traballa xa na posta en marcha doutro aparcadoiro situado no Seixo con 6 prazas e os mesmos servizos.

Para o presidente da Asociación Galega de Autocaravanas, Manuel Fernández-Arruty, que o Concello incorpore estas dúas zonas para autocaravanas “parécenos fundamental, porque é un atractivo máis para Tomiño e para Galicia. Cada vez máis xente viaxa en autocaravana e organiza as súas rutas en función dos servizos que ten á súa disposición, polo que Tomiño xa pasará a formar parte dos plans de todas e todos os autocaravanistas”. Con case 20 anos de vida, esta asociación aglutina a 770 socios e socias e traballa nun proxecto lúdico e recreativo encamiñado a facilitar momentos de lecer, cultura e fraternidade entre autocaravanistas de toda Galicia, intercambiando experiencias, promovendo o desfrute da contorna natural e reivindicando melloras nos servizos para os usuarios e usuarias que gozan con esta forma de viaxar.