Consellos, obstáculos e solucións para dar pulo á investigación clínica co médico Jorge Cameselle

Consellos, obstáculos e solucións para dar pulo á investigación clínica co médico Jorge Cameselle O autor, médico de familia no Centro de Saúde de Tomiño durante algúns anos, presenta este venres 14 no Mercado de Tomiño (20.00 h) o seu libro ‘El mono poeta. Metamorfosis de un médico e investigador de cáncer de mama’

Todo o recadado coas vendas do libro irá destinado a investigación

Todo xurdiu cando se decidiu a deixar ao persoal médico máis novo, á súa familia e ás súas amizades o seu testemuño sobre o camiño de dificultades que tivo que percorrer durante décadas para compatibilizar o exercicio da medicina coa súa vocación como investigador. Así naceu ‘El mono poeta. Metamorfosis de un médico e investigador de cáncer de mama’, un libro co que o médico e científico Jorge Cameselle reflexiona problemas e solucións para dar pulo ás investigacións no ámbito da saúde e que este venres 14 de outubro presenta ante o público no Mercado de Tomiño ao abeiro do ‘Outono de libros’.

Nunha charla próxima e amable, Cameselle falará de todas as facilidades que achegaron as novas tecnoloxías a este campo de investigación, pero repasará tamén todas aquelas “barreiras absurdas” coas que vai tropezar unha e outra vez aqueles médicos, médicas, enfermeiros e enfermeiras que queiran dedicarse na actualidade á investigación clínica.

Doutor en Medicina e Cirurxía, académico da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, director do grupo de investigación en Oncoloxía Clínica ADICAM ou director e guionista de cinema médico, Cameselle regresa con esta presentación a Tomiño, onde foi médico de familia no Centro de Saúde nos anos 2007 e 2008. Co-autor de máis de 50 artigos médicos e gañador de numerosos premios nacionais e internacionais pola súa investigación sobre o cancro de mama e os seus documentais científicos, Cameselle destina de forma íntegra todo o recadado coa venda deste libro á investigación.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a desfrutar da presentación do libro de Jorge Cameselle e de todas as incluídas nun programa co que “buscamos descubrir aos tomiñeses e tomiñesas ás e aos escritores que teñen ao seu carón e dar visibilidade á creación literaria en todos os xéneros e a calquera idade”.

Todas as presentacións son ás 20.00 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo.