Conto en obras con Brais das Hortas este xoves 31 en Tomiño

Conto en obras con Brais das Hortas este xoves 31 en Tomiño O narrador e músico estará ás 19.30 h na Praza da Mina cunha mestura de xéneros  e unha posta en escena divertida, participativa e retranqueira

O espectáculo pon o broche de ouro a un verán de actividades neste espazo renovado, propicio para gozar do lecer ao tempo que se favorece o comercio da zona

Brais das Hortas chega cos seus monicreques e a súa retranca a Tomiño para ofrecer ao público unha posta en escena divertida e participativa. Este xoves 31 de agosto a Praza da Mina volverá converterse no escenario dunha actividade dirixida a público familiar, ‘Zona en obras’, no que o narrador sorprenderá ás e aos espectadores cunha mestura de xéneros coma os contos, a música ou os monicreques dun xeito único.

Ás 19.00 horas, tomiñeses e tomiñesas poderán desfrutar de balde dun espectáculo que comeza cun conto sen rematar. Coa inestimable axuda do público e dun andamio, tubos de antenista, unha guitarra eléctrica con looper ou unha batería cun capacho e un caldeiro, Brais das Hortas irá dando forma a unha historia chea de ritmo.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a participar neste espectáculo que pon o broche de ouro a todo un verán de actividades para público familiar na Praza da Mina. Unha programación repleta de música, imaxinación e contos “cunha gran participación de nenas, nenos e familias nun espazo renovado que, dende a instalación do novo parque, converteuse nun lugar recollido e propicio para desfrutar de actividades de lecer no verán ao tempo que se favorece o comercio da zona”.