CRA Mestre Manuel Garcés: a educación a través dunha ollada diferente

CRA Mestre Manuel Garcés: a educación a través dunha ollada diferente Os vindeiros 15 e 16 de febreiro celebra unhas xornadas de portas abertas para dar a coñecer ás familias o traballo que están a realizar

Fomentando a autonomía, sen materiais nin libros de texto, adaptándose á forma de pensar de nenos e nenas e cun equipo de docentes moi implicado en cada paso que se dá. Así é o CRA Manuel Mestre Garcés de Tomiño, un centro educativo que traballa cada ano para ofrecer unha ollada diferente do ensino e unha escola aberta á comunidade, inclusiva e participativa.

Cun amplo equipo formado por 27 persoas, “algo que non pasa en ningún outro centro de educación infantil de Galicia”, o CRA pensa xa no vindeiro curso. Por ese motivo, a vindeira semana o centro contará con dous días de portas abertas: o xoves 15 de febreiro ás 16.00 horas haberá unha reunión xeral na sede do CRA e logo visitarante as aulas que se queiran coñecer ata as 18.30 horas e o venres 16 de febreiro a reunión na sede será ás 10.00 horas para posteriormente visitar as escolas ata as 14.00 horas. As persoas interesadas poden reservar cita chamando ao 986 622 775 ou escribindo a cra.tominho@edu.xunta.gal.

Unha nova forma de ver a educación na que, como destaca o seu director, Antón de Valenzuela, “primamos a calidade por riba da cantidade e na que todo o equipo estamos comprometidos co traballo que facemos”. Un compromiso e innovación que lles valeu o premio Innovagal o pasado ano, un galardón que xa se está a transformar en novo material educativo de elementos naturais para as aulas, “facendo medrar pouco a pouco as nosas escolas”.

Un dos colexios rurais agrupados máis grandes de Galicia, o CRA Mestre Manuel Garcés se deberá adaptar este ano aos novos ratios en educación, que permitirá ter un máximo de 12 alumnas e alumnos por aula e seguir fomentando o respecto polos ritmos individuais. Para iso emprégase un método propio que recolle e adapta formas de traballar de metodoloxías como Montessori, reinventándose cada curso para ofrecer a nenos, nenas e familias o mellor ensino posible. Unha innovación que os levou a crear a especialidade CreaTic, baseada no xeito de traballar de Reggio Emilia das paisaxes dixitais e na que conflúen novas tecnoloxías e creatividade.

Como destaca o seu director, o CRA Mestre Manuel Garcés ofrece un proxecto educativo integral no que os nenos e nenas son o epicentro e no que as familias son un piar importante. Un xeito de ensino diferente no que a cativada e o centro van crecendo de xeito paulatino e da man, unha evolución na que Antón de Valenzuela agradece tamén a implicación do Concello “que cada ano vai facendo melloras nas instalacións e nas aulas para que os nenos e nenas de Tomiño poida gozar dunha educación diferente, única e de calidade”.