Dedicación e compromiso da ANPA do IES Antón Alonso Ríos para transformar a educación da mocidade tomiñesa A asociación repartiu este ano case un milleiro de libros entre 509 alumnos e alumnas, o 88% das e dos matriculados no centro

O Concello colabora co banco de libros, ademais de co ‘Xantar dos luns’ e de clases de inglés, outros dos servizos da ANPA Solleiro

Dedicación e compromiso da ANPA do IES Antón Alonso Ríos para transformar a educación da mocidade tomiñesaDedicación, compromiso e moitas horas de traballo para ofrecer ás familias e á mocidade tomiñesas os máximos recursos e servizos posibles. Ese é o obxectivo da ANPA Solleiro do IES Antón Alonso Ríos, que arrancaba este inicio de curso cunha importante tarefa: a entrega ao alumnado de case un milleiro de volumes do banco de libros, co que o Concello de Tomiño colabora cada ano.

O obxectivo é facilitar a todas as familias asociadas os libros obrigatorios e de apoio necesarios cada curso a un custo mínimo ou de balde. “Non só alivia a carga económica das familias e garante que todo o estudantado teña acceso aos materiais necesarios, senón que permite construír unha contorna educativa inclusiva e equitativa”, explica a presidenta da ANPA Solleiro, Elena Cerezales. Este ano beneficiáronse desta iniciativa 509 alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato, o 88% das e dos matriculados no centro, unha cifra que vai crecendo ano a ano.

Recentemente renovada

Recentemente renovada, a asociación está liderada por sete mulleres, sete nais que destinan moito tempo a un traballo altruísta co que mellorar as oportunidades da mocidade tomiñesa. Por iso o seu labor vai moito máis alá do banco de libros. Así, a ANPA Solleiro organiza e xestiona o ‘Xantar dos luns’, “un espazo adaptado e con monitor para que a rapazada poida comer de friameira no instituto o día que teñen clase pola tarde, xa que a moitos nenos e nenas non lle da tempo ou non poden ir a casa”. Cun aforo de 40 persoas, neste servizo dáse prioridade ao alumnado que vive máis lonxe do centro.

A asociación ademais organiza, xestiona e cofinancia as clases de inglés tanto de reforzo como para preparar o B1 e o B2 de aqueles rapaces e rapazas que o soliciten. Estas dúas iniciativas contan tamén coa colaboración do Concello de Tomiño a través de diferentes subvencións municipais sociais e culturais.

As excursións escolares son outro dos apoios que prestan dende a ANPA, xa que se encargan de planificar, xestionar e mediar incluso na venda de produtos para a recadación de cartos de nenos e nenas para financiar as principais excursións do IES, a de fin de curso anual e a da Semana Branca, e colaboran economicamente na medida das súas posibilidades co resto de saídas.

Para a ANPA o inicio deste novo curso é unha oportunidade para implementar novas iniciativas “que conecten directamente coa rapazada do centro, tendo en conta a súa opinión”. “Queremos fomentar a participación do alumnado con enquisas para saber que temas lles interesan e poder poñer en marcha en colaboración co equipo directivo e docente do centro charlas e talleres relacionados tamén con temas que preocupan moito ás familias, como a saúde mental, o bo uso das redes sociais ou a orientación académica e laboral”, salienta Cerezales.

Dende o Concello agradécese o traballo, esforzo e compromiso da ANPA Solleiros, que conta coa participación xunto a Cerezales de Lorena González, María Xosé Vázquez, Valeria Tesé, Imelda Núñez, Fabiola Galindo e Eva Pereira. Un agradecemento que se estende a todas as asociacións de nais e pais dos centros educativos de Tomiño, un piar fundamental para enriquecer a experiencia educativa de cativada e mocidade.