Diversión a esgalla en familia co Show de Fifo ‘Soño’

Diversión a esgalla en familia co Show de Fifo ‘Soño’ Troula Animación chega este domingo 30 á Praza Pintor Antonio Fernández de Goián con este espectáculo participativo cheo de humor

Diversión a esgalla para toda a familia esta fin de semana en Goián. A programación de verán do Concello de Tomiño acolle o Show de Fifo ‘Soño’, un espectáculo de Troula Animación que promete unha tarde chea de risas na que nenos e nenas poderán participar de forma activa xogando co protagonista.

Será este domingo 30 de xuño ás 19.30 horas na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián, espazo no que o público poderá desfrutar de balde deste espectáculo que combina música, bailes, gags cómicos e moito máis a través dunha divertida trama co pallaso Fifo como protagonista.

A través de xogos, bailes e humor Fifo tratará de descubrir se vive nun mundo real ou está realmente soñando, unha cuestión que explorará coa axuda dos nenos e nenas presentes, facendo que toda a cativada se involucre activamente no espectáculo.

O Concello convida a toda a veciñanza a asistir e gozar dun novo espectáculo de Troula Animación que garante unha experiencia inesquecible para desfrutar en familia.