Dous mercados solidarios poñen o broche de ouro ás cooperativas do alumnado do CEIP de Tebra

Dous mercados solidarios poñen o broche de ouro ás cooperativas do alumnado do CEIP de Tebra

Estudantado de 5º e 6º de primaria crearon ‘Recuncho Creativo’ e ‘Tebralidades’, dúas cooperativas coas que elaboran diferentes produtos con materiais de refugallo

Recadaron fondos para as asociacións Vontade e Bicos de Papel

Uníronse para transformar as súas ideas en proxectos que traspasan as aulas e crear empresas a pequena escala coas que devolver á sociedade parte do que lles dá. O alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Plurilingüe de Tebra puxo fin a ‘Recuncho Creativo’ e ‘Tebralidades’, dúas cooperativas postas en marcha a través do proxecto ‘DepoEmprende na Escola’ coas que achegaron o seu gran de area para coidar o medio ambiente ao tempo que colaboraban de forma solidaria coas asociacións Bicos de Papel e Vontade.

Con ‘Tebralidades’ plásticos, cartón, tapón e cortiza convertéronse baixo as súas mans en posavasos e salvamanteis, portalapis e macetas ou organizadores, mentres que a rapazada de ‘Recunchos Creativos’ deseñou e elaborou prendas de roupa feitas con materiais reciclados ou teas que xa non se usaban. Como broche final destas iniciativas, o alumnado participou en dous mercados nos que puxeron á venda todos os produtos elaborados e poder recadar fondos para  Bicos de Papel, unha asociación que axuda a nenos e nenas oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e para a Asociación Vontade de Tomiño, que atende a persoas con discapacidade. Representantes de ambas entidades foron convidadas á festa de fin de curso do centro para que nenos e nenas lles entregaran o recadado.

Ademais de asistir a un mercado organizado pola Deputación de Pontevedra en Vigo, ao alumnado facíalle moita ilusión participar no tradicional mercado de Tomiño. Coa colaboración do Concello, o soño desta rapazada emprendedora fíxose realidade e ademais de vender os seus produtos, nenos e nenas coseron en directo empregando as máquinas de coser concedidas en Polos Creativos, chamando a atención de todas as persoas que se achegaban ao seu posto. Ata el tamén se achegaron a alcaldesa, Sandra González, así como as concelleiras Cristina Martínez e Ana Belén Casaleiro.

 

“Para Tomiño é un orgullo contar cunha mocidade tan implicada e solidaria, con gañas de facer cousas e de aproveitar todas as oportunidades que se lles brindan. Non podemos máis que darlles os parabéns tanto a eles e elas como a todo o equipo directivo e docente do colexio por levar as súas ideas e solidariedade máis alá do centro e contaxiarnos a súa ilusión”, resaltou a rexedora.

Pola súa banda, a directora do centro, Belén Fraga, sinalou que “entre os obxectivos principais desta proposta están a necesidade de darlle un cambio á ensinanza da área das matemáticas e así demostrar que se poden deixar a un lado os métodos tradicionais para darlle paso á innovación educativa. Todo ao tempo que seguiamos camiñando na eliminación de plásticos e papel prata nas merendas do alumnado, algo que abordaron nas cooperativas”.

O vindeiro curso escolar o CEIP Plurilingüe de Tebra volverá solicitar este proxecto tan motivador para o alumnado e que tan bos resultados deu ao longo deste ano. Ademais, xunto a este proxecto, as titoras de 5º e 6º de primaria participarán tamén no ‘LÓVA’, un proxecto educativo integral que emprega a creación dunha compañía e a produción dunha ópera como plataforma para a aprendizaxe. As docentes asistirán a un curso de formación do 14 ao 21 de xullo en Santiago de Compostela.