Emerxencias sen fronteiras para mitigar o risco de eventos extremos

Emerxencias sen fronteiras para mitigar o risco de eventos extremos A Eurocidade Cerveira-Tomiño participou no primeiro Encontro Transfronteirizo de Protección Civil

Xerouse un espazo de debate sobre como afrontar de xeito conxunto os efectos do cambio climático

Planificación, coordinación e sensibilización. Esas foron as principais consignas acordadas polas autoridades, institucións e persoal experto en seguridade que se reuniron en Vila Nova de Cerveira no primeiro Encontro Transfronteirizo de Protección Civil. A Eurocidade Cerveira-Tomiño participou neste espazo de debate e intercambio de coñecementos e experiencias que se centrou na crecente frecuencia de eventos extremos causados polo cambio climático, como as inundacións do 1 de xaneiro de 2023, e a necesidade de consolidar o traballo transfronteirizo existente, enfocándose máis nas poboacións e no lema de que ‘todas e todos somos protección civil’.

Neste encontro, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “se os ecosistemas e meteoroloxía non ten fronteiras, a solución de emerxencia tampouco debería coñecer fronteiras”. A rexedora mencionou o compromiso que as entidades de hoxe deben ter coas xeracións futuras, polo que “é importante ser capaces de ofrecer unha solución planificada, coordinada e conxunta ao noso territorio, así como formar á nosa sociedade”. Pola súa banda, a vicepresidenta de Cerveira, Carla Segadães, amosouse orgullosa de reunir a tantas e tantos expertos de diferentes áreas coa protección civil como interese común, “con ganas de reflexionar e actuar en pro dun territorio transfronteirizo máis preparado, máis organizado, máis seguro para enfrontar o futuro e os efectos do cambio climático”.

O Encontro Transfronteirizo de Protección Civil comezou co intercambio de testemuños e datos concretos sobre as primeiras intervencións nos municipios de Vila Nova de Cerveira e Tomiño durante as inundacións ocorridas o pasado inverno. Con gráficos, fotografías e vídeos, o comandante dos Bombeiros Voluntarios de Cerveira, António Machado; o coordinador municipal de Protección Civil de Cerveira, Carlos Miguel Alves; e a presidenta de Protección Civil e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, reflexionaron sobre o primeiro impacto e as rección no terreo dun día que quedou marcado por unhas precipitacións diarias cualificadas polo Instituto Português do Mar e da Atmosfera(IPMA) como ‘extremadamente absolutas’, algo que non ocorría dende había máis de 20 anos.

Na primeira mesa redonda, dedicada á ‘Resposta e articulación de eventos extremos’, as e os oradores coincidiron en cualificar os eventos extremos como “imprevisibles”, pero dunha “frecuencia cada vez máis regular” e “cunha agresividade e consecuencias totalmente diferentes a hai dúas décadas”. O segundo comandante subrexional da Autoridade Nacional de Emerxencia e Protección Civil, Carlos Pereira; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo; o comandante dos Bombeiros Voluntarios de Arcos de Valdevez, Filipe Guimarães; e o xefe da Policía Local de Tomiño, José Ramón Álvarez, coincidiron na necesidade de reordenar o territorio, considerando os montes como parte da solución, na aplicación dos plans de emerxencia municipal no terreo a través de simulacros e, sobre todo, nunha maior participación da cidadanía, cunha maior sensibilización e concienciación das poboacións.

A segunda mesa redonda, relacionada cos ‘Recursos para a mitigación de riscos’, reuniu ao secretario do CIM Alto Minho, Bruno Caldas; ao xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo; ao director do departamento de Xeografía da Universidade de Minho, António Bento Gonçalves; ao subdirector de Meteoroloxía e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Isaac Gómez Piñeiro; e ao presidente da Federación de Bombeiros, Germano Amorim. O feito de que este territorio transfronteirizo pasara de ser maioritariamente rural a urbano en poucas décadas leva ás entidades a centrarse na acción local, baseada nos cambios globais, tendo como denominador común a educación e o investimento nas persoas.

Como sinalou o Comandante Nacional de Emerxencia e Protección Civil, André Macedo Fernandes, este encontro foi moi importante “ao rachar mentalidade, cambiar comportamentos e traballar na cultura da seguridade” e contribúe “a intensificar a cooperación transfronteiriza tamén no ámbito da protección civil, xa que a xeografía é a mesma e a xente é a mesma”. Fernandes lembrou que España e Portugal contan cun acordo de protección civil formalizado  nos anos 90, “único en Europa e que foi revisado hai uns cinco anos, no que se plasma a cooperación de entidades ata 25 km a cada lado da fronteira. Pero os tempos cambia e pode facerse máis”.

Este primeiro Encontro Transfronteirizo de Protección Civil – Eventos Extremos é a primeira acción concreta enmarcada no ADAPT, un dos proxectos de adaptación do territorio transfronteirizo ao cambio climático que a Eurocidade Cerveira-Tomiño pretende implementar ata o 2026 e que conta cun investimento de preto de 700.000 euros no ámbito da operación 0177_CT_ADAPT, cofinanciados ao 75% por fondos FEDER, a través do POCTEP, dando cumprimento ao proceso participativo da Axenda Urbana Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030.