Empresas da zona doan ao Concello pantallas e máscaras protectoras de forma desinteresada O material foi repartido entre Protección Civil, Policía Local e asociación de comerciantes

Varias empresas da zona están doando ao Concello de Tomiño pantallas e máscaras protectoras, para repartir entre os voluntarios e voluntarias de Protección Civil e Policía Local, asociación de comerciantes, preceiros e traballadores municipais.

Unha destas empresas é Láser Galicia, que modificou as súas máquinas láser para a fabricación, coa achega gratuita de materiais por parte dos provedores, de pantallas protectoras que está doando a hospitais, residencias, corpos de seguridade e administracións locais. Deste xeito, a empresa, na que traballa Sandra Vázquez, veciña de Tomiño, entregou 78 pantallas de protección ao Concello de Tomiño, que foron repartidas entre comercios socios de ADETO que están abertos ao público, axentes da Policía Local e Protección Civil.

Tamén a empresa Quicelco, S.L. de maquinaria e subministros de limpieza, doará máscaras e luvas para repartir entre os traballadores tomiñeses nos vindeiros días.

Por outra banda, esta mañá dende as 7.00h as forzas de seguridade locais repartiron 1.100 máscaras, enviadas pola Xunta de Galicia, entre empresas da localidade e persoas que se dirixían aos seus postos de traballo. Asemade, os traballadores municipais que acudiron aos seus postos (limpadoras, persoal de mantemento, etc.), recibiron o material de protección axeitado (máscaras, xel desinfectante, luvas, etc.) para poder desempeñar as súas funcións de forma segura. Tamén os praceiros dos mercados de Tomiño e Goián recibirán o mesmo material.

Mentres, a maior parte dos empregados públicos do Concello continúan teletraballando dende as súas casas, co fin de reducir todo o posible o risco de contaxio.

A alcaldesa Sandra González, así coma o resto do equipo de goberno, agradecen a solidariedade e xenerosidade das empresas que están achegando material de protección de forma desinteresada. Tamén ás forzas de seguridade e outras persoas que co seu traballo fan máis levaderos estes difíciles días.