En Tomiño a solidariedade está nas túas mans

En Tomiño a solidariedade está nas túas mans Voluntarios e voluntarias traballan todo o ano nun servizo de roupeiro para as familias que máis o necesitan

Entregan dende roupa ou calzado infantil ou de persoa adulta ata mobles, libros ou xoguetes

Cando a situación o require, Tomiño sempre arrima o ombro. Voluntarias e voluntarios da asociación ‘Solidariedade nas túas mans’ traballan dende hai anos no roupeiro social tomiñés, un servizo de recollida e reparto de roupa e calzado infantil e de persoas adultas, mobles, libros, xoguetes… que busca cubrir as necesidades de familias do municipio e da comarca que teñan unha situación económica complicada.

Na actualidade, o roupeiro atende a 28 familias de Tomiño e de concellos limítrofes nos que non existe un servizo similar, dando resposta ao incremento de demanda que se leva producindo nos últimos anos. “Xa durante a pandemia a situación era complexa, con moita xente que precisaba da nosa axuda, pero ao rematar a crise sanitaria lonxe de mellorar a situación económica complicouse para moitas persoas”, explica Rachel Vidal, unha das voluntarias da asociación.

Situado na rúa Mosteiro, 37A, o servizo de roupeiro ten as súas portas abertas os martes de 10.00 a 12.00 horas e os mércores de 16.00 a 17.00 horas. As persoas que queiran doar roupa, calzado, enseres… ou as que precisen empregar os seus servizos poden achegarse ata á asociación nese horario ou chamar aos teléfonos 617 670 677 e 681 610 724. En caso de non poder desprazarse, os voluntarios e voluntarias tentan recoller ou levar a domicilio os distintos materiais para non deixar a ningunha familia fóra.

 

Nestes intres, voluntarios e voluntarias lembran que o que máis se precisa e roupa e calzado de nenos e nenas, accesorios de bebés, tronas, berces, cadeiras de paseo, libros, contos ou xoguetes, “todo en bo estado, para que todas estas prendas ou mobles e accesorios poidan seguir usándose por outras persoas”.

A alcaldesa, Sandra González, destaca “o labor diario e calado que realizan todas estas persoas voluntarias e do que se benefician moitos veciños e veciñas” e anima a todos os tomiñeses e tomiñesas a achegar o seu gran de area e colaborar coa asociación ‘Solidariedade nas túas mans’ e co servizo de roupeiro.