De esqueda a dereita, María Fernández, Virginia Beiro, Laura Baquero, Laura Calvo e Mae Taylor

En Tomiño os mellores expedientes académicos teñen nome de muller As alumnas do IES Antón Alonso Ríos María Fernández, Virginia Beiro, Laura Baquero, Laura Calvo e Mae Taylor foron galardoadas co Premio Extraordinario de Bacharelato

As cinco rapazas pasan a formar parte do grupo de excelencia de alumnado coas notas máis altas de Galicia

Cinco alumnas excepcionais con expedientes académicos de vertixe. As estudantes do IES Antón Alonso Ríos María Fernández Iglesias, Virginia Beiro Bernárdez, Laura Baquero Pereira, Laura Calvo Calzado e Mae Taylor Heredero foron galardoadas co Premio Extraordinario de Bacharelato, pasando a formar parte do grupo de excelencia composto polo alumnado coas notas máis altas de Galicia nesta etapa educativa e nas probas de acceso á universidade.

Un logro académico para María, Virginia, Laura, Mae e Laura que sitúa ao instituto tomiñés no camiño da excelencia, cunha alta porcentaxe de éxito no centro, que este curso contaba con nove posibles candidatos e candidatas a acadar este premio. Agora todas elas, estudantes de ensinanza pública, comezan un novo camiño educativo que queren continuar en Galicia cursando os seus estudos superiores en universidades da comunidade galega.

A de María Fernández Iglesias é unha carreira de fondo: elixiu Humanidades e Ciencias Sociais para cursar Bacharelato e acaba de superar as probas de acceso ao Conservatorio Superior de Música, obtendo a primeira mellor nota de Vigo e a segunda de toda Galicia na especialidade de clarinete. Agora quere estudar xornalismo ou dereito a distancia para poder compaxinar estes estudos coa súa carreira musical.

Virginia Beiro Bernárdez ten o seu futuro claro: gran lectora e estudante da rama de Ciencias, gustaríalle traballar nun laboratorio como investigadora. Para conseguilo vai estudar o Dobre Grao de Química e Bioloxía.

Á alumna de Ciencias Laura Baquero Pereira gústalle desfrutar do tempo coa familia e pasear coa súa mascota. Tras o seu paso polo instituto comezará agora a súa nova etapa educativa estudando Medicina. A súa meta, ser xinecóloga.

Laura Calvo Calzado cursou os seus estudos no IES Antón Alonso Ríos pola rama de Humanidades e Ciencias Sociais. Agora quere estudar psicoloxía, aínda que o futuro pode levala por derroteiros máis artísticos, xa que tamén destaca en debuxo e pintura, disciplina na que tamén ten gañado varios premios.

Por Ciencias tamén foi Mae Taylor Heredero, futura médica. Mae é unha lectora voraz e unha traballadora constante e incansable para acadar as súas metas.

Os seus nomes resoarán polos corredores do instituto, no que deixaron xa unha marca imborrable no ámbito académico. María, Laura, Virginia, Mae e Laura son xa un referente para os seus compañeiros e compañeiras e unha inspiración para futuras xeracións de estudantes. Este premio á súa excelencia é só o comezo dun futuro prometedor para unhas alumnas que seguirán brillando nas súas carreiras académicas, profesionais e persoais.