Érguete Baixo Miño imparte un obradoiro de economía familiar en colaboración cos Servizos Sociais do Concello de Tomiño Os obxectivos son coñecer conceptos básicos sobre as finanzas domésticas e manexar ferramentas para a administración do orzamento persoal e familiar

Obradoiro de Economía Familiar en Tomiño

A Asociación Érguete Baixo Miño informa que dende comezos de febreiro e ata finais do vindeiro mes de abril estase levando a cabo un Obradoiro de Economía Familiar en colaboración cos Servizos Sociais do Concello de Tomiño.

Trátase dunha actividade na que participan 10 persoas usuarias/os dos Servizos Sociais deste Concello e que se desenvolve todos os martes pola tarde na aula do CEMIT de Tomiño, en horario de 16:00 a 19:00 h, durante os meses de febreiro, marzo e abril. Entre os seus obxectivos destacan coñecer os conceptos básicos sobre as finanzas domésticas, manexar diversas ferramentas para a administración do orzamento persoal e/ou do fogar e facilitar a toma de conciencia sobre a necesidade de practicar o aforro.

Neste obradoiro potenciaranse as seguintes habilidades:

– Mellorar o control sobre a economía e a vida.

– Detectar hábitos e patróns actuais para cambialos por outros máis saudables.

– Técnicas e receitas de aforro en enerxía, alimentación, coidado persoal, tecnoloxías,..

– Fomentar o pensamento crítico, a empatía e autonomía no consumo.

Este obradoiro atópase financiado pola Consellería de Política Social, Dirección Xeral de Inclusión Social, e pola cota dos socios e socias da entidade.

Esta acción atópase dentro da carteira de servizos que a Asociación Érguete Baixo Miño ofrece de forma altruísta e dende hai algúns anos no ámbito dos Servizos Sociais e que están tendo moi boa acollida, tanto por parte dos Servizos Sociais da Comarca como por parte das persoas aos que van dirixidos.

Para máis información, invitamos a achegarse ás instalacións de Érguete, tamén a través da páxina web www.erguete.org ou ben chamando aos teléfonos 986 61 44 17 / 640 08 63 76.