Esperanza Mara actuará o venres 15 de xullo na Igrexa de San Vicente de Barrantes dentro do ciclo “Música e Románico” A soprano noiesa baseará a súa proposta musical nas cantigas medievais e prerrenacentistas, nun evento que terá lugar ás 21h e que será accesible a todos os públicos de xeito gratuíto

O vindeiro venres, 15 de xullo, terá lugar ás 21h, a actuación da soprano Esperanza Mara na igrexa románica de San Vicente de Barrantes (Tomiño). O evento, que será accesible para todos os públicos de xeito gratuíto, achegará unha proposta musical baseada nas cantigas medievais e prerrenacentistas, nas que se pretende poñer en valor a figura da muller na música da Idade Media.

Licenciada en Canto Lírico e Violonchelo e cun Máster en Interpretación en Música Antiga na especialidade de canto e outro en Investigación Musical, Esperanza Mara é a creadora de EmanArte, unha iniciativa para a promoción, difusión e fusión da música clásica en diferentes formatos e para diversos públicos. En efecto, a través do programa Cantemos Xuntos, Mara levou a cabo talleres durante media hora que permitían aos nenos e nenas achegarse a diferentes contidos relacionados ca música. Todo iso ca idea de aproveitar as posibilidades que lle ofrecía Internet, con especial énfase nos máis pequenos e pequenas.

Durante o confinamento, Mara asomouse ao balcón da súa casa cada sábado para animar á veciñanza a participar con ela, ademais de manter unha intensa actividade musical a través das redes sociais, empregando o seu perfil en Facebook para retransmitir cada actuación.

Outro dos proxectos levados a cabo pola artista é “Música Medieval en Camiño”, enmarcado no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeos 2021 impulsado pola Xunta. A proposta é a dun concerto comentado, onde o público pode descubrir a historia vinculada ao Camiño a través da música e das explicacións.

Cada concerto do ciclo Música e Románico (este é o 2º) comprende dúas partes que se conxugan coma un todo. Na parte didáctica da actividade lévase a cabo unha introdución sobre o patrimonio arquitectónico (neste caso, a cargo de Sara Quintana, licenciada en Historia da Arte), propoñendo en todo momento un modelo de participación activo. Na parte lúdica da actividade, o público asiste á interpretación de diferentes pezas a través da voz e do auto-acompañamento instrumental.

Ademais, os instrumentos empregados durante os concertos son reproducións de instrumentos reais da época, como a arpa ou a viola. Tamén as pezas escollidas para o repertorio forman parte da lírica galaico-portuguesa propia do Camiño. Todo iso co galego como lingua vehicular, aínda que a actividade se pode adaptar a outros idiomas en función do público asistente.

Igrexa románica de San Vicente de Barrantes

No 2020 o Concello de Tomiño iniciou un proxecto para localizar, inventariar e documentar o patrimonio de carácter etnográfico ligado á arquitectura tradicional e aos exemplos de igrexas e capelas románicas do municipio. Entre as igrexas catalogadas atópase a Igrexa románica de San Vicente de Barrantes, na que actuará Esperanza Mara o 15 de xullo ás 21.00h.

Concluída de cara a 1139, segundo reza unha inscrición sobre a porta de acceso á sancristía, a Igrexa de San Vicente de Barrantes foi o único que perdurou no tempo do antigo mosteiro beneditino do Salvador. Segundo a documentación existente, o mosteiro debeu de ser fundado no século XII, cando Alfonso VII e Dona Berenguela confirman os seus termos e coto nun privilexio nese ano.

Respecto da súa orixe románica, a Igrexa conserva o ábsida de dito estilo, rectangular ao exterior e semicircular ao interior; parte do flanco norte da nave; restos da fachada do muro sur e seis canecillos; restos de arquivoltas que posiblemente pertenceron ás portadas occidental e setentrional; restos de capiteis; dúas ménsulas con cabezas de animais, e dúas antefijas. A Igrexa sufriu ademais posteriores reformas, unha en 1594 e outra de cara a 1865, que lle deron o seu aspecto actual.

Do interior da Igrexa cabe destacar o arco triunfal, que ten gran similitude cos das igrexas da súa contorna, como a de Santa María de Tomiño, a de Santa María de Tebra e a de Doas. As semellanzas entre as igrexas parecen remitir a un meso taller que traballou tanto na área tudense galega como na portuguesa, con mestres canteiros de ambos os lados do Miño coñecedores da linguaxe artística galaico e portuguesa e vencellados á orde beneditina.