Este Nadal mercar no comercio local de Tomiño volve ter premio O Concello pon en marcha unha nova edición da campaña ‘Nadal + Nadal’, con premios en metálico para clientela e establecementos

Os comercios interesados en participar poderán inscribirse ata o 1 de decembro ás 15.00 h

O Concello de Tomiño mantén o seu compromiso co comercio local e coa dinamización económica da vila, especialmente cando se achega unha das épocas con maior índice de vendas do ano, as festas natalicias. Neste camiño, o Goberno municipal vén de lanzar unha nova edición de ‘Nadal + Nadal’, unha campaña coa que se busca premiar tanto aos establecementos tomiñeses como a todas aquelas persoas que nestas datas realizan as súas compras no propio municipio.

A alcaldesa, Sandra González, resalta a importancia de campañas deste tipo “para apoiar ás nosas e nosos comerciantes, pero tamén a toda a veciñanza. O grande éxito das edicións anteriores demostra que iniciativas como esta son un grande aliciente para dar pulo ao noso comercio e fomentar as compras nos establecementos que temos ao lado da casa”. Unha campaña que ademais de ter unha grande acollida “permite dar continuidade ás accións de apoio á economía local que desenvolvemos dende o Concello ao longo de todo o ano”.

Os comercios interesados  en participar nesta nova edición de ‘Nadal + Nadal’ poden inscribirse a través da sede electrónica da web do Concello ata o 1 de decembro ás 15.00 horas. Segundo establecen as bases, poderán participar todos os establecementos locais agás os que desenvolvan a súa actividade nos mercados municipais e comercios de primeira necesidade, como panaderías, carnicerías, peixerías, farmacias e supermercados de grandes cadeas, aínda que si poderán formar parte da campaña pequenas tendas de alimentación de ámbito local.

Dende o 7 ata o 27 de decembro, a clientela que merque en cada un destes locais participantes disporá dunha urna na que depositar os seus tíckets de compra por valor de máis de 20 euros xunto co seu nome, apelidos, DNI e teléfono para participar no sorteo de vales de compra polo dobre do valor do tícket depositado ata un máximo de 150 euros. Será o propio 27 de decembro cando se abran as urnas no salón de plenos do Concello ás 20.30 horas para depositar os tíckets nun único recipiente e proceder ao sorteo dos vales. Extraeranse os tíckets necesarios ata que a suma dos premios sexa igual ou inferior a 3.000 euros, tendo en conta que ningunha persoa pode ser premiada con máis dun tícket e que non se repetirán premios por establecemento.

Por outra banda, para fomentar a creación dun ambiente agradable e atractivo este Nadal nas rúas e nos establecementos tomiñeses, os comercios que participen na campaña deberán decorar os seus escaparates e locais como mínimo do 11 de decembro ao 6 de xaneiro para participar na ‘Ruta Nadal + Nadal’, unha iniciativa que premiará a decoración máis orixinal nas modalidades de mellor escaparate e mellor local, con premios en metálico de 500 euros para os comercios que queden en primeiro posto e de 250€ para os que resulten en segundo lugar. A decoración deberá realizarse con elementos naturais e/ou reciclados de base acompañados da decoración de Nadal.

Conscientes de que son moitos os establecementos participantes nesta campaña que están a facer un grande esforzo por mellorar as súas decoracións ano a ano, as bases establecen que non se premiará a aqueles locais ou escaparates que lograron algún galardón nas edicións dos anos 2021 e 2022 de xeito consecutivo. Os comercios gañadores serán escollidos por un xurado composto por dous representantes do comercio local, un representante do Concello de Tomiño e dous artistas locais. O veredicto coñecerase o 27 de decembro ás 20.30 horas.