Este ‘Outono de libros’ descubrimos con Luisa Martínez o superpoder das persoas para frear o cambio climático A doutora en Ciencias do Mar e responsable da Unidade de Cultura Científica do  presenta este venres 4 no Mercado de Tomiño (20.00 h) o seu libro ‘Que teñen que ver as vacas co cambio climático?’

Si, os eructos e os peidos das vacas contribúen ao cambio climático. Así de contundente é Luisa Martínez Lorenzo no seu libro ‘Que teñen que ver as vacas co cambio climático?’, unha obra escrita en colaboración con Marián Martínez que explica como funciona o planeta e por que os arrotos e as flatulencias destes animais favorecen o quecemento global.

A investigadora e divulgadora estará este venres 4 de novembro no Mercado Municipal de Tomiño (20.00 h) presentando un libro que, lonxe de ser catastrofista, fala das consecuencias do fenómeno pero tamén dá as instrucións para activar o superpoder para frear o cambio climático. E quen ten ese superpoder? As persoas consumidoras. Neste libro “as autoras imprimen a súa esencia e a súa visión sobre os retos que temos por diante como especie, explicándoo cunha linguaxe sinxela e con orixinais ilustracións  e empregando a dixestión dunha vaca como fío condutor”, como explica a alcaldesa, Sandra González.

Luisa Martínez, doutora en Ciencias do Mar, dende moi pequena sentiu unha enorme curiosidade e admiración pola natureza que foi alimentando con libros, guías de campo e documentais e que traslada a todas as súas obras. Durante unha década dedicouse á investigación oceanográfica ata que, no ano 2007, decidiu redirixir a súa carreira profesional á comunicación social da ciencia. Dende entón é responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia e deseña, coordina e participa en accións de divulgación dirixidas a públicos moi diversos e a presentar os contidos científicos dun xeito atractivo e accesible. Publica no ano 2018 o seu primeiro libro ‘Puf! Vaia peido… Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes’ e, dende 2019, dirixe a colección de divulgación científica Lanterna de Aristóteles.

A rexedora convida a toda a veciñanza a participar na presentación deste libro, unha actividade que se celebra ao abeiro do programa ‘Outono de libros’ coa que descubrir unha obra que busca “empoderar ás e aos consumidores e achegar á poboación máis nova a conceptos como os gases de efecto invernadoiro”.

A presentación será ás 20.00 horas e de balde, con entrada libre ata completar aforo.