Este sábado lecer e ciencia mestúranse no Mercado de Tomiño

Este sábado lecer e ciencia mestúranse no Mercado de Tomiño Este 30 de abril arranca ‘Mercado con-ciencia’ cunha actividade na que o público compartirá sesión vermú co biólogo da Universidade de Vigo Luis Navarro para falar da crise de polinización

Nun planeta sen moscas ou colibrís o chocolate volvería converterse nun luxo e sen abellas e outros animais a supervivencia do ser humano estaría en perigo. A polinización natural é un labor silencioso do que dependen a gran maioría dos cultivos alimentarios do mundo e que agora está en crise. Este será o primeiro tema que abordará o ciclo ‘Mercado con-ciencia’, posto en marcha polo Concello de Tomiño ao abeiro da campaña ‘Vive!’ que mesturará ciencia e lecer dun xeito divertido e próximo no Mercado de Tomiño.

Este sábado 30 de abril, o público poderá compartir este sábado a sesión vermú con Luis Navarro, investigador e docente do departamento de Bioloxía Vexetal da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo. Creador do proxecto Divulgare de divulgación feita por científicos para todos os públicos, contará os problemas que padecen os máis de 300.000 polinizadores dun xeito atractivo, sinxelo e accesible a todas as persoas que se acheguen a tomar algo ao primeiro andar do mercado. A actividade comezará ás 12.00 horas e será de balde.

“Queremos achegar a ciencia á veciñanza de forma amena, nun contexto lúdico que anime a todos os tomiñeses e tomiñesas a gozar do noso comercio, das nosas instalacións e das nosas rúas”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Esta iniciativa forma parte das accións programadas dentro de ‘Vive!’, unha campaña municipal coa que se procura reactivar a actividade económica e social de Tomiño, fomentando o consumo no comercio e na hostalaría local.