Estudantes do IES piden unha aplicación máis eficaz das leis contra a violencia de xénero A campaña “En negro contra as Violencias”, resultou un éxito, polo que dende a Concellería de Benestar agradecen ao comercio e a todos os axentes sociais, a súa implicación

Alumnado de 1º de bacharelato do IES Antón Alonso Ríos, interpretou este mediodía a canción “Ni una más” de Moni González

 O Mercado Municipal acolleu este mediodía o acto do 25N, que contou con numeroso público. A concelleira de Igualdade, Cristina Martínez, deu lectura ao manifesto contra a violencia de xénero, remarcando “a necesidade de desenvolver, por parte dos gobernos e organizacións, máis actividades de sensibilización sobre a situación de violencia e medo na que viven tantas mulleres”.

A concelleira achegou datos estatísticos, segundo os cales, a violencia de xénero é a causa principal de morte de mulleres de entre 15 e 44 anos. “Hoxe vimos vestidas de negro coma símbolo de loito pero tamén de loita por todas as persoas que sofren esta terrible situación”, explicou.

Seguidamente, un grupo de alumnos e alumnas de 1º de bacharelato do IES Antón Alonso Ríos, interpretou a canción “Ni una más” de Moni González, cantada por Desiré Pereira.

E xa contra o final, tres compañeiras deron lectura outro manifesto, no que pediron que se apliquen con eficacia as leis contra violencia machista “para que a Xustiza nos crea e deixe de aplicar unha lóxica patriarcal; para que as mulleres sexamos donas dos nosos corpos e das nosas decisións sobre o aborto e a maternidade; para que a educación afectivo-sexual estea contemplada no currículo escolar dun xeito integral sen estereotipos sexistas, racistas e homofóbicos; para que non se nos recorten dereitos no traballo e teñamos unhas condicións dignas e estables; para que non se silencien ás mulleres na Historia; para poder volver á casa sen medo e para que homes e mulleres sexan libres por igual”.

Rematado o acto, a concelleira de Igualdade trasladouse coa artista Gemma Marqués até o Camiño do Latas, onde a última está a realizar un novo mural contra a violencia de xénero, coas súas mulleres da serie “Anónimas”, e que rematará nas próximas semanas.

Un ano máis, e xunto con máis dun centenar de vilas e cidades galegas, o Concello de Tomiño sumouse á campaña “En negro contra as Violencias”, polo que dende a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Educación, animaron ao sector do comercio e a todos os axentes sociais e empresarias do municipio, a implicarse nesta acción colectiva, conseguindo un resultado moi bo, polo que dende a Concellería de Benestar fan chegar o seu agradecemento a todas as entidades participantes.

Por outra banda, o Concello de Tomiño desenvolve dende hai varios anos un Programa de Igualdade, dirixido a persoas que sofren violencia, e no que se pode atopar asesoramento xurídico, axuda para trámites e xestións, derivación a outros servizos especializados, solicitude de axudas, atención e acompañamento. Trátase dun programa totalmente gratuíto para as persoas usuarias, confidencial e especializado, integrado no departamento de Benestar do Concello, e ao que se pode chamar para pedir máis información ou cita previa ao teléfono 986 623 211.