Estudantes tomiñeses plantan 75 árbores autóctonas cedidas pola comunidade de montes A actividade forma parte do proxecto “O Monte Apagalumes”, dentro do programa Voz Natura, ao que o centro leva adscrito moitos anos

O pasado 11 de marzo, nenas e nenos do CEP Pedro Caselles puxeron o seu grao de area na loita contra o lume e no coidado do planeta, participando nunha actividade organizada pola Comunidade de Montes de Tomiño. Na mañá do luns 11 pasado todo o alumnado do centro achegouse a un monte propiedade da mencionada comunidade no barrio do Xibao, para proceder a plantación dun pequeno bosque de árbores autóctonas.

Esta actividade forma parte do proxecto “O Monte Apagalumes”, dentro do programa Voz Natura, ao que o centro leva adscrito desde hai moitos anos. Comezado o curso, o centro púxose en contacto coa directiva da comunidade para solicitar a súa axuda para a realización dunha actividade de plantación de árbores. A comunidade aceptou de inmediato, pois considera de vital importancia a labor de concienciación arredor da riqueza forestal da zona.

Nun día totalmente primaveral, nenas e nenos gozaron dun pequeno paseo ata o monte, despois escoitaron a charla dunha técnica que lles explicou as características das especies que ían plantar castiñeiros, maceiras, nogueira) e como facelo correctamente.

Finalmente, de forma ordenada, procederon a plantar as 75 árbores cedidas pola comunidade de montes.

Como remate de xornada a comunidade agasallou a cada nena e neno cun bocadillo e unha botella de auga.

O CEP Pedro Caselles agradece á comunidade de montes a súa xenerosidade e implicación, estando sempre disposta a colaborar, unhas veces organizando actividades e outras con xenerosas ; achegas económicas para levar a cabo proxectos educativos.

Para máis información, pódese ver o vídeo de actividade no seguinte enlace https://www.youtube.com/watch?v=PC3PDnGV7r0.