ESTUDO SOBRE O FUTURO USO DA PRAZA DE ABASTOS DE TOMIÑO

O ESTUDO SOBRE O FUTURO USO DA PRAZA DE ABASTOS DE TOMIÑO APUNTA COMA CLAVES DO ÉXITO, A POTENCIACIÓN DOS PRODUTOS LOCAIS DE CALIDADE, A MELLORA DA PRESENTACIÓN DOS MESMOS E A ATENCIÓN PERSONALIZADA DOS CLIENTES

Para a elaboración do proxecto procedeuse a entrevistar a máis de 70 persoas (comerciantes, praceiros, futuros emprendedores, etc.)

Produtos locais auténticos e de calidade; variedade, especialización e presentación atractiva, son as claves principais do futuro da praza de abastos tomiñesa. Así o revela o “Proxecto de uso do mercado municipal de Tomiño 2013”, presentado onte, venres 4 de abril, ás 20.30 horas, no salón de plenos do Concello de Tomiño.

O estudo, realizado pola consultora Rural Consulting, por encargo do goberno local, que preside Sandra González, é o resultado de varios meses de traballo nos que se entrevistaron a máis de 70 persoas (comerciantes, novos emprendedores, artesáns, novos moradores, funcionarios de atención ao público, hostaleiros, praceiros, etc.), coa finalidade de coñecer a opinión de distintos grupos de poboación sobre o futuro da praza de abastos e a súa posible reconversión nun centro de comercio local.

Concello Tomiño - praza abastos-11A alcaldesa de Tomiño deu a benvida aos veciño se veciñas que participaron no proxecto, aportando as súas impresións sobre o actual mercado municipal e ideas sobre o futuro do mesmo. A rexedora explicou que o goberno local quixo que o deseño do futuro uso da praza de abastos fora o resultado dun proceso de debate e participación coa veciñanza, e cualificou o proxecto coma “un sono cos pés na terra”.

Chao Quintana, de Rural Consulting, expuxo un resumen do deseño realizado a partir das necesidades detectadas na actual praza de abastos, e das suxestións dos veciños/as entrevistados. Segundo a experta, as claves para a supervivencia da praza son a “especialización, presenza, rotación, axilidade, novidade, autenticidade dos produtos á venta e o coidado personalizado dos clientes”.

A través de varios planos e infografías, a técnica amosou como quedarían as dúas plantas do edificio logo da reforma interior, que se acometerá en breve. Na planta baixa se redefinirían os espazos para os postos fixos e habería unha zona central dedicada a mercados temáticos, que se irían cambiando. A segunda planta, até agora inutilizada, podería albergar tendas “armario” (especie de supermercados con produtos de calidade), artesanía, exposicións de artistas locais, tendas de comidas para levar, ludoteca e zona de bar.

A consultora informou que os dous primeiros días da semana vindeira, estarán no Concello para atender as consultas e propostas de potenciais emprendedores, que teñan un proxecto para desenvolver dentro do futuro mercado.

Datos de interese

Entre as conclusións do estudo presentado onte, figura a da que todos os entrevistados teñen en moi alta consideración o edificio da praza de abastos, por ser un dos máis emblemáticos e bonitos do municipio. Aínda así, un 50% recoñece que o estado de deterioro no que se atopaba era “lamentable” e aplauden a rehabilitación do inmoble. Falan, de todos os xeitos, de falta de variedade e de presentación nos productos que venden os actuais praceiros, aínda que recoñecen a boa calidade da materia prima.

Concello Tomiño - praza abastos-10Con respecto ao futuro da praza, os resultados das entrevistas transmiten unha grande ilusión e confianza. “Viven a reforma coma unha grande oportunidade para Tomiño e para a súa xente”, advirte o estudo. Os hostaleiros e comerciantes opinan que esta reforma repercutirá positivamente na revitalización dos negocios e da economía local no seu conxunto. Consideran, asemade, que a praza “so será viable se oferta algo diferente aos supermercados e basean esta diferenza en dous eixos fundamentais: a calidade dos produtos da zona (horta, froitas, plantas, viños, artesanía, etc.) e que ademais de mercar, poidan facerse outras actividades, coma exposicións, obradoiros, actuacións, información turística, etc.).