Éxito da aula de estudo de Tomiño, con máis de 100 rexistrados en menos dun mes Farase unha enquisa de satisfacción entre os usuarios para avaliar a calidade do servizo e analizar as cousas que se poden mellorar

O éxito da aula de estudo inaugurada fai menos dun mes en Tomiño superou todas as expectativas e xa está sendo empregada por ducias de usuarios. En apenas 25 días desde que se abriu o proceso de inscrición para obter a tarxeta de acceso, máis de 100 persoas a solicitaron e recibiron xa, moi por encima das previsións do goberno local.

O bo recibimento do servizo entre a poboación deixa patente a necesidade que o municipio tiña de contar cun espazo para o estudo, especialmente entre a mocidade. “Era unha demanda clamorosa que finalmente se fixo realidade. Non obstante non hai que esquecer que esta aula de estudo é unha solución a un problema que había que atallar, mais desde o Concello continuamos demandando a colaboración das administracións públicas para poder materializar o proxecto da biblioteca municipal, que tanta falta fai”, comenta a alcaldesa Sandra González.

A aula, que ademais dun espazo para o estudo en silencio conta tamén con outro para os traballos en grupo, comezou tamén a albergar iniciativas como o EncáixaT, un proxecto desenvolvido polo Servizo Municipal de Educación e Apoio Familiar que procura dar resposta aos menores que, por causas diversas, precisan dun espazo de apoio e acompañamento persoal no seu itinerario vital. Na actualidade participan deste proxecto 8 nenos e nenas de todos os centros educativos do municipio.

A maioría das persoas que xa recibiron a tarxeta son de Tomiño, pero tamén hai usuarios de municipios da contorna como O Rosal, A Guarda, Gondomar, Lalín ou Mos, entre outros. Lorena é usuaria da biblioteca desde a primeira semana, ten 26 anos, é graduada en Dereito e está preparando oposicións. Aínda que é tomiñesa, leva xa un tempo vivindo na Guarda por motivos laborais, pero desprazábase a Tomiño para empregar a aula antes de que o municipio tivese que aplicar o peche perimetral, e espera volver unha vez se levanten as restricións. “Espazos coma este deberían existir en todos os concellos e agradécese que Tomiño dera o paso nese sentido, xa que era algo que a mocidade levaba pedindo desde fai bastantes anos”, afirma.

Desde o goberno municipal informan que a intención é, de cara ao Nadal, realizar unha enquisa de satisfacción entre os usuarios e usuarias da aula para ver as cousas que se poderían mellorar, como por exemplo os niveis de ruído, a temperatura das instalacións ou os horarios, entre outras.