Éxito de participación na última edición das Rutas de Artes e Oficios Case 50 persoas acudiron á visita á Fundición ArteBronce para coñecer o traballo de Cuqui Piñeiro

Tomiño é terra de artistas, pintores, escultores, ceramistas, viveiristas… e unha longa lista de profesións que enriquecen e impulsan a actividade económica da contorna. Co obxectivo de poñer en valor as actividades que levan a cabo as empresas tomiñesas, o Concello organiza, dende 2017, as Rutas de Artes e Oficios: unha serie de visitas guiadas e de balde, a diferentes compañías da vila co fin de promocionar a propia riqueza cultural e patrimonial.

Un programa consolidado, que non se detivo durante a pandemia, e que neste verán de 2022 desfrutou, como era de agardar, dunha grande acollida entre a veciñanza. A última das rutas foi a que máis espertou a curiosidade da veciñanza. Case 50 persoas acudiron á visita á Fundición ArteBronce, unha entidade que dirixe a artista Cuqui Piñeiro. Filla do recoñecido escultor Xoán Piñeiro, esta goianesa decidiu seguir a tradición familiar e foi ela en persoa quen explicou, en profundidade en con moita dedicación, o proceso de fundición do bronce, cales son as pezas máis importantes e representativas da súa traxectoria, falou tamén da evolución do obradoiro ao longo dos anos e o público tivo a oportunidade única de descubrir, das súas mans expertas, os segredos que esconde a técnica a cera perdida.

A primeira das visitas foi un percorrido de hora e media polos Viveiros Casaíta, onde preto de 20 persoas tiveron a oportunidade de coñecer in situ como traballan, cales son os procesos de produción, as súas variedades máis importantes e mesmo algunhas especies centenarias.

Outra das rutas contou coa participación dun dos responsables da asociación cultural Muíños do Porto de Vilameán, que expuxo polo miúdo o proceso de restauración dun dos principais elementos do patrimonio cultural, etnográfico e cultural da contorna. Ademais, a ruta consistiu nun percorrido polos 5 muíños que quedan na actualidade, e no interior dunha das estruturas as 20 persoas asistentes aprenderon como se realizaba a moenda, cales son as partes máis importantes dun muíño ou que experiencias gardan os muiñeiros na súa memoria.

Tamén estaba programada unha visita ao obradoiro de Leandro Alonso, pero finalmente e por causas alleas á organización, tivo que ser cancelada. A previsión é que, a vindeira edición das Rutas e Artes e Oficios inclúa de novo a visita ao lugar de traballo dun dos ceramistas máis recoñecidos do Baixo Miño, e que máis veciñas e vecinos poidan coñecer e apreciar o seu bo facer.