02 Mar Feminíssimas: teatro cómico e feminista para reivindicar o 8M en Tomiño O espectáculo terá lugar no Auditorio de Goián o 6 de marzo ás 20:00h, está dirixido a un público adulto e terá un custe de 5 euros
Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo, o Concello de Tomiño programou o espectáculo teatral Feminíssimas, que será interpretado o día 6 de marzo ás 20:00 horas no Auditorio de Goián, cumprindo coas máis estritas medidas e protocolos de prevención sanitaria.
Feminíssimas é unha comedia negra e moi violeta que ten como eixo temático a amizade e a perspectiva de xénero. Protagonizada por tres amigas da adolescencia que xa fai 15 anos que non se ven, estas reencóntranse nun congreso feminista en Vigo para o que deciden pasar a noite anterior nun moderno AirBnB. Este reencontro estará caracterizado pola confrontación das distintas sensibilidades do feminismo que representan cada unha, encarnadas con ironía e complicidade, aínda que a medida que a noite avanza tamén van aparecendo a nudez, a humanidade e a empatía.
A obra vai dirixida a un público adulto, ten unha duración de 75 minutos e terá un prezo de 5 euros. A reserva das entradas pode facerse a través do número de teléfono do Concello de Tomiño ou do correo cultura@tomino.gal.
Alén diso, o propio 8 de marzo o Concello de Tomiño vai compartir un vídeo moi especial para conmemorar o Día Internacional da muller no que participaron moitas tomiñesas co que se pretende celebrar os avances conseguidos nos últimos anos, pero tamén reafirmarse na loita e a reivindicación da igualdade real, que aínda está lonxe de ser acadada.