Fin de semana deportivo co I Torneo de Pentanca Concello de Tomiño

Fin de semana deportivo co I Torneo de Pentanca Concello de Tomiño A alcaldesa, Sandra González, anima a toda a veciñanza a achegarse para coñecer un novo deporte

Organizado polo Club de Petanca O Caldeiro en colaboración co Concello, o torneo reunirá este sábado 24 a deportistas de todas as idades no aparcadoiro da rúa Daniel Calzado Poceiro

 

Tomiño prepárase para desfrutar dun emocionante evento deportivo coa celebración do I Torneo de Petanca Concello de Tomiño, un encontro que reunirá a deportistas de todas as idades este sábado 24 de xuño no aparcadoiro público da rúa Daniel Calzado Poceiro.

Organizado polo club guardés de petanca O Caldeiro en colaboración co Concello, os equipos amosarán a súa destreza e estratexia para conseguir a vitoria en diferentes partidas de 45 minutos que se xogarán de 09.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca a importancia deste torneo para a promoción e divulgación da petanca e animou a toda a veciñanza a achegarse para coñecer un novo deporte. A rexedora quixo tamén resaltar o esforzo do Club de Petanca O Caldeiro por organizar este evento, que suporá “unha oportunidade para que a veciñanza coñeza e desfrute dun deporte que permite promover a actividade física, os espazos saudables e as relacións interxeracionais entre xogadoras e xogadores”.

O Club de Petanca O Caldeiro naceu en 2018 na Guarda como unha entidade sen ánimo de lucro que permite a persoas de todas as idades e distintas contornas gozar da petanca. O seu obxectivo é “fomentar o deporte como factor de calidade de vida entre a veciñanza en condicións de igualdade coa consolidación dun sistema deportivo propio, difundindo a práctica da petanca, fomentando o compromiso e o traballo en equipo e tecendo vínculos entre localidades próximas”. Na actualidade o club conta con 80 participantes asociados e afeccionados.