Goián acolle a presentación do documental sobre a vida e obra do pintor Antonio Fernández A obra, de hora e media de duración, con dirección e guión do actor Suso Pando, proxectarase no auditorio goianés o vindeiro domingo ás 20.00h

“A arte da humildade”. Este é o nome do documental sobre a vida e a obra do pintor Antonio Fernández Gómez, que poderá verse este domingo en Goián, con guión e dirección de Suso Pando.

O propio autor do traballo audiovisual foi o encargado de presentalo ante os medios de comunicación esta mañá, acompañado pola alcaldesa Sandra González, o concelleiro Uxío Benítez; o músico Andrés Álvarez (creador da banda sonora) e o veciño goianés e presidente da Asociación Cultural Antonio Fernández, Mané Villa.

O primeiro en falar foi Uxío Benítez, veciño de Goián, para facer un resumo do traballo desenvolto dende o ano 2013 co fin de por en valor a figura do artista. Referiuse neste sentido, á implicación de moitos veciños e veciñas, familiares, amigos e o propio Concello para conseguir dar relevo a unha figura tan importante coma a de Antonio Fernández, cuxa labor transcendeu o terreo puramente artístico, alcanzando tamén o antropolóxico e o filantrópico. Citou nesta liña, a creación da Comisión Antonio Fernández e, posteriormente, da asociación cultural do mesmo nome; o Certame ao Aire Libre, a páxina web e a Aula-Museo Antonio Fernández de Goián, así coma a labor de documentación realizada por Sara Quintana.

Suso Pando, destacado actor galego (Fulano, Mengano e Citano), explicou que o fío argumental do documental é unha entrevista publicada en setembro de 1970 (pouco antes da morte do pintor) no Faro de Vigo, polo xornalista Rodrigo Varela, recentemente falecido, pero que alcanzou a recrear a conversa mantida hai case 50 anos co artista goianés.

O director afirmou sentirse moi vencellado á figura de Antonio Fernández, da que destacou a súa grande humildade e xenerosidade, ademais da súa grandeza artística.

Pando agradeceu o apoio do Concello de Tomiño e a axuda prestada pola veciñanza e entidades e persoas colaboradoras para que a creación do documental, de hora e media de duración, fora posible. Asemade, salientou a actuación protagónica de Manuel Otero, representando a Antonio Fernández; a música do compositor goianés Andrés Álvarez e a colaboración especial de Mané Villa coma presidente da Asociación Cultural Antonio Fernández.

A proxección do documental será este domingo, 5 de maio, ás 20.00h no Auditorio de Goián, entrada de balde, aforo limitado.