Goián acolle este sábado a 10ª Festa das Trincadeiras con concurso de arroces, chimpíns, música e xogo populares A romaría conmemora a reivindicación que o pobo de Goián protagonizou nos anos ‘90 en defensa deste espazo de valor ambiental e paisaxístico situado na ribeira do río Miño

O vindeiro sábado, 15 de xuño, a poboación da parroquia tomiñesa de Goián, celebra un ano máis, a popular romaría da “Festa das Trincadeiras”, que chega a súa décima edición.

Familias, grupos de amigos e veciños danse cita na praza goianesa para trasladarse logo en chimpíns adornados até a carballeira coñecida coma “As Traincadeiras”, onde terá lugar a tradicional comida campestre, a base de diferentes arroces e doces e amenizada con música tradicional. Un bronce cedido por Cuqui Piñeiro é o Premio do Concurso de arroces. A artista simbolizou nunha árbore a loita veciñal das Trincadeiras.

O programa de actos comeza ás 11.30h coa “Saída da Praza en Chimpín”, co acompañamento da Treboada “Os da Fonte do Frade”, e remata ás 19.00h co “Concurso de Cilantros Caseiros”. Organizada pola Comunidade de Montes Veciñais de Goián, a festa conta coa colaboración do Concello de Tomiño, Deputación Provincial, Protección Civil, etc.

Esta romaría conmemora a reivindicación que o pobo de Goián protagonizou nos anos ‘90 en defensa deste espazo de valor ambiental  e paisaxístico situado na ribeira do río Miño, reclamando a titularidade coma monte baldío e evitando así a explotación do seu subsolo e a implantación dunha empresa extractora de áridos, que suporía, sen dúbida, a degradación dun ecosistema altamente sensible e actualmente identificado coma un espazo de especial protección, dentro da Rede Natura.