GOIÁN ÉNCHESE DE MÚSICA CLÁSICA, TEATRO E COMEDIA CO ESPECTÁCULO ‘DESCONCERTO’ A proposta de Culturactiva Producións terá lugar na Praza do Pintor Antonio Fernández mañá sábado ás 21.30h

A parroquia tomiñesa de Goián recibe mañá, sábado, o espectáculo ‘Desconcerto’ de Culturactiva Producións. Unha proposta que mestura música clásica e teatro en clave de comedia. O escenario será a Praza do Pintor Antonio Fernández, ás 21.30h, e o acceso é de balde e para todos os públicos.

Os actores Félix Rodríguez e Fran Rei, dirixidos por Marcos Orsi, protagonizan este espectáculo nos que interpretan a dous solistas que chegan tarde ao recital. Coa orquestra preparada para comezar, deberán ir improvisando para saír do paso.
Con este punto de partida, ‘Desconcerto’ levará ao público de paseo pola obra de grandes compositores como Leroy Anderson, Bach, Khachaturian, Mozart, Beethoven ou Rossini, combinados con temas en directo e, sobre todo, moito humor.