Captura a beleza da contorna co obradoiro de prensar a flora da OMIX de Tomiño Con 4 horas de duración celebrarase o 8 de xuño na PrazaCultura de Goián. Xa está aberta a inscrición na web municipal

Contactar coa natureza, descubrir a riqueza da contorna local e plasmala nunha apaixonante aventura botánica. Ese é o obxectivo da nova actividade da OMIX de Tomiño, o obradoiro de prensar a flora, unha proposta pensada para que aquelas persoas que admiran a natureza e que teñan interese en aprender os nomes das plantas que nos rodean, afondando nos coñecementos sobre a flora autóctona.

Será unha formación dun total de catro horas de duración na PrazaCultura de Goián, na que todas as persoas participantes poderán traballar na prensa de flores e follas para facer un herbario ou un caderno propio de identidade da flora tomiñesa, testemuña da biodiversidade da contorna natural do municipio.

A alcaldesa, Sandra González, resalta a importancia deste obradoiro que “ofrece unha oportunidade única de conectar coa nosa contorna e que permitirá a todas e todos os participantes sumarse á nosa loita por preservar e valorar o noso patrimonio natural”.

Trátase dunha única clase o sábado 8 de xuño que se impartirá de 10.00 a 14.00 horas. O curso terá un prezo de 10 euros por persoa e todas e todos os interesados en participar poden inscribirse xa a través da web municipal.