Goián rende homenaxe á amizade dos pintores Antonio Fernández e Eduardo Padín Unha mostra única que reúne 16 lenzos de ambos os autores, que se atopaban en mans das familias e coleccionistas; documentos, artigos de prensa, debuxos, postais, etc.

A Asociación Cultural Pintor Antonio Fernández, de Goián, inaugurou na tarde-noite do pasado venres, coa colaboración do Concello de Tomiño, a exposición “Antonio Fernández, Eduardo Padín. Homenaxe entre amigos”.

Unha mostra única que reúne 16 lenzos de ambos os autores que se atopaban en mans das familias; documentos, artigos de prensa, debuxos, postais, borradores de cartas entre os pintores; un cadro de Antonio Fernández dedicado a Padín e pintado polas dúas caras, e a única foto que se conserva dos dous artistas xuntos.

Entre as pezas expostas atópanse dúas de singular importancia: unha carta escrita en galego por Antonio Fernández ao seu colega e amigo Eduardo Padín, de Tui, e un artigo de 1968 da Folla do Luns, de Faro de Vigo, escrito por Padín a Fernández, no que lle dá as grazas pola súa amizade e labor profesional.

A inauguración da exposición tivo lugar na sala anexa da aula-Museo Antonio Fernández, situada en fronte da praza de Goián e contou coa asistencia da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e de Clodio González Pérez, membro da Real Academia Galega, entre outras autoridades e persoas relacionadas coa cultura e as artes. A mostra permanecerá aberta até o 26 de xullo en horario de 11.00 a 14.00 horas.

Manuel Villa Troncoso (Mané), presidente da asociación organizadora, explicou que a mostra se fixo coincidir coas festas de Goián e tamén co primeiros cinco anos da aula- Museo do pintor.

Preparan ademais unha macro exposición para o 2020 cando se cumpren 50 anos da morte de Antonio Fernández.