Graciela Mirabete Alonso, neta de Antón Alonso Ríos, foi recibida no Concello, visitando logo a escola Aurora del Porvenir, onde fora mestre o seu avó Acompañada por familiares, visitou tamén o IES de Tomiño, bautizado de anos co nome do mestre

“Recuerdo a mi abuelo como a un hombre increíblemente vital, justo y cariñoso; no pasaba un sólo día sin que mi madre me hablara de él”. Con estas palabras definiu Graciela Mirabete Alonso, neta do mestre e político galego Antón Alonso Ríos, ao seu avó, durante a visita que realizou ao Concello de Tomiño, sendo recibida pola alcaldesa Sandra González.

Anque esta era a cuarta vez que Graciela visita España, nunca fora recibida no Concello, polo que á emoción de ver o nome do seu avó na fachada do IES local (bautizado coma Antón Alonso Ríos), sumábase a de comprobar o respecto e fonda admiración que a figura do seu avó esperta nas xentes da vila, onde se desempeñou coma mestre entre 1931 e 1936.

Segundo comentou durante a recepción, na viaxe a Tomiño anterior a esta, en 1987, foi a súa nai, Oliva, filla maior de Alonso Ríos xa falecida, quen a acompañou. “No pasaba un sólo día sin que mi mamá, me hablara de mi abuelo. Ella lo adoraba y lo admiraba profundamente por los valores que más lo definían: la verdad, la justicia y la honestidad”, relatou Graciela, que aproveitou para tomar contacto cunha serie de textos e material audiovisual, editados en Galicia, relacionados coa figura do seu avó.

Graciela acudiu á recepción acompañada pola súa prima Julia Carballo Arceu e por Carmen Tagle, filla maior do seu marido. Logo de intercambiar impresións e lembranzas e datos relacionados coa vida da familia e descendentes (na súa maioría radicados en Arxentina, país onde emigrou dúas veces Alonso Ríos), a neta do mestre e político, visitou o edificio da Aurora del Porvenir, escola de arquitectura indiana onde aquel ditara clases durante cinco anos, antes do golpe de estado de 1936 e a Guerra Civil. Alí puido falar cas mestras e alumnado do Colexio Rural Agrupado que funciona na actualidade.

 

A alcaldesa de Tomiño, amosou a Graciela as publicacións sobre a figura de Alonso Ríos nas que participa ou promove o Concello, e explicoulle asemade o proceso de votación popular, impulsado tamén dende o Concello, para buscarlle un nome ao IES local (e do que resultou gañador o nome do seu avó), salientando a importancia histórica, política e persoal que ten este para Galicia e para Tomiño en particular.

Antón Alonso Ríos, foi un profesor galego e líder político agrarista que emigrou (de mozo por primeira vez) a Arxentina, liderando unha parte importante da diáspora galega. Durante a República Española (1931‒1936), retorna a Galicia e desempéñase coma mestre e activista político con vinculacións á causa nacionalista e ao movemento agrarista. Cando se produce o golpe de estado, ten que fuxir a consecuencia da represión fascista e logo de estar “fuxido” tres anos, logra pasar a Portugal, viaxar e refuxiarse en Bos Aires ata a súa morte, dando presenza e continuidade ao goberno galego no exilio, co Consello de Galiza.