Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da música actual, abre a axenda cultural de verán en Tomiño É preciso reservar praza chamando aos teléfonos do Concello ou enviando un correo electrónico ao Departamento de Cultura

GUADI GALEGO, unha das artistas máis relevantes da escena musical galega actual, traerá o vindeiro sábado 3 de xullo, as 10 cancións do seu disco “Costuras”, á Praza do Seixo, dentro do ciclo O Son da Praza. Con este concerto en directo para todos os públicos, que comezará ás 22.30 horas e será gratuíto (se ben hai que reservar lugar), ábrese a axenda cultural de verán do Concello de Tomiño. 

A primeira cita cultural do verán chega a Tomiño da man de “Musigal 2021”, o programa da Deputación de Pontevedra cuxo obxectivo é contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia.

Grazas á capacidade para a composición, a versatilidade e a sensibilidade á hora de interpretar, Guadi Galego (vocalista, pianista e gaitera do grupo Berrogüeto durante unha década), publicou con Carlos Abal o seu novo disco, Costuras, “unha viaxe desde mundos asociados á infancia até o presente máis duro e á vez esperanzador”.  A cantante actuará acompañada polo seu grupo e tocará os teclados.

O resto da programación deste verán inclúe cine familiar ao aire libre e cine para persoas adultas; contacontos, teatro e concertos musicais de distintos xéneros; todos ca Praza do Seixo como escenario. Tamén celebrarase un festival familiar en Goián (con circo, xogos tradicionais, teatro e música) e numerosas actividades deportivas e de formación, das cales se irá informando puntualmente.

Reserva de praza para Guadi Galego en: cultura@tomino.gal ou no teléfono 986 622001/03.