Humor para toda a familia con ‘Travesía Unicornio’ no Auditorio de Goián

Humor para toda a familia con ‘Travesía Unicornio’ no Auditorio de Goián Urdime dá o pistoletazo de saída ao ciclo de teatro para todos os públicos desta primavera en Tomiño

Tomiño dá o pistoletazo de saída ao seu ciclo de teatro familiar esta fin de semana. Urdime chega este domingo 10 ao auditorio de Goián con ‘Travesía Unicornio’, unha adaptación ao teatro de Pepablo Patinho do texto de María Canosa, obra gañadora da primeira edición do Premio Anisia Miranda de teatro para a infancia convocado pola Fundación Neira Vilas.

Un traballo de calidade literaria que fai unha exaltación do valor da amizade e do respecto ás diferenzas tratando cuestións como xénero, identidade e diversidade. Así, o público que se achegue ao auditorio poderá desfrutar da historia dun neno e o seu unicornio que se atopan cunha xenia que lles promete facer realidade os seus desexos. Estes deberán escoitarse, aceptarse e, o máis importante, aceptar tamén os desexos dos demais para que se cumpran os propios. Unha obra chea de humor que cambia os roles de xénero abrindo as portas a que nenas e nenos decidan libremente sobre os seus propios gustos.

A obra comezará ás 17.30 horas e terá un prezo de 3 euros para persoas adultas e de 1,5 euros para menores de 12 anos. As entradas poderán mercarse unha hora antes do espectáculo no despacho de boletos do propio Auditorio de Goián.