31 Xan Javier Jurado desvela o poder da música na IX Semana da Educación de Tomiño O musicólogo afondará nas achegas da música para a formación integral do alumnado o martes 6 de febreiro no auditorio de Goián
Os actuais avances sobre neurociencia avalan que a música é unha das materias capaces de activar todo o cerebro, xunto á educación plástica e visual e a educación física. Máis alá da súa importancia como porta de entrada á arte e á súa apreciación, a música é “unha ferramenta que fomenta a aprendizaxe e o rendemento, desenvolve o pensamento transversal e constrúe persoas máis afectivas, ledas e prudentes”. Esa contribución da música á formación integral do alumnado será o eixo central da charla de Javier Jurado na IX Semana da Educación de Tomiño, un encontro no que o docente e investigador ilustrará ao público sobre o papel do ensino musical como catalizador da adquisición de competencias educativas propias dos países da contorna entre a cativada.
Jurado subirase ao escenario do auditorio municipal de Goián o vindeiro martes 6 de febreiro ás 19.00 horas coa súa conferencia ‘Educar na globalidade’, na que tamén abordará como “a experiencia musical dende a infancia dá pé ao desenvolvemento de seres sensibles, empáticos e equilibrados, un crecemento que se acentúa e retroalimenta ao facer e escoitar música”.
Catedrático de Historia da Música no Conservatorio Superior de Música, onde desempeña o cargo de director do Mestrado en Creación, Interpretación e Investigación Musical, Javier Jurado ten impartido clases de música en diferentes niveis educativos, dende educación infantil ata universitaria, pasando por primaria, ESO ou bacharelato. Colaborador da Universidade Internacional de Valencia e director de teses na Universidade Politécnica de Valencia, o musicólogo desenvolve liñas de investigación sobre temáticas diversas, como a zarzuela en Galicia e a obra de compositores galegos como José Fernández Vide, Ángel Rodulfo, Bernardo del Río ou Reveriano Soutullo.
Licenciado en Historia e Ciencias da Música e titulado superior en Frauta traveseira, Jurado tamén é doutor en Didácticas Específicas pola Universidade da Coruña e doutor en Humanidades pola da Rioxa. Ademais, compaxina o seu traballo co de director de Dos Acordes, unha empresa dedicada á preparación de oposicións docentes dende hai máis de 30 anos e outros servizos musicais, como o de editorial, discográfica ou produtora cultural.
O Concello de Tomiño organiza por noveno ano consecutivo a Semana da Educación de Tomiño, unhas xornadas de balde protagonizadas por expertos e expertas do mundo educativo dirixidas tanto a persoal docente e educador como a pais, nais e familias que busquen informarse ou formarse en diferentes aspectos relacionados coa educación.