La Gata de Shrödinger ou a necesidade do pensamento crítico para sobrevivir nun mundo de ‘infoxicación’

La Gata de Shrödinger ou a necesidade do pensamento crítico para sobrevivir nun mundo de ‘infoxicación’ A xornalista e divulgadora científica Rocío Vidal protagonizará a charla da IX Semana da Educación o vindeiro mércores 7 de febreiro

No mundo de sobreinformación e ‘infoxicación’ no que a información verdadeira queda soterrada baixo toneladas de información falsa, non contrastada ou rumores de todo tipo, actualizar o sistema educativo para adaptarse á nova realidade é fundamental. Para achegar o seu gran de area a xornalista, publicista e divulgadora científica Rocío Vidal creou La Gata de Schrödinger, unha canle de YouTube con case 700.000 persoas subscritas na que se dedica a difundir contido sobre ciencia e pensamento escéptico cun toque de humor e crítica social.

Vidal será a protagonista da terceira xornada da IX Semana da Educación de Tomiño, onde trasladará ao público participante ‘A importancia de educar no pensamento crítico dende a infancia’. O vindeiro mércores 7 de febreiro a divulgadora falará no auditorio de Goián da súa experiencia persoal e do seu percorrido propio e afondará na necesidade de educar no pensamento crítico, “algo que a maioría cremos posuír e que só unha minoría sabe empregar”.

Ao longo da conferencia, La Gata de Schrödinger descubrirá a todas as persoas asistentes a importancia dos datos e da súa análise tanto dende unha perspectiva obxectiva como dende a perspectiva subxectiva de alguén que vive dentro das redes sociais e que ve diariamente a desinformación que se move nelas e salientará a importancia de lograr a convivencia da educación regrada coa divulgación e a (in)formación en redes sociais.

Rocío Vidal dedícase á divulgación científica e do pensamento crítico e traballa para desmontar mitos e timos pseudocientíficos sobre temas moi variados a través de vídeos entretidos e educativos. Xornalista cun mestrado en Comunicación Científica pola Universidade de Barcelona fundou a súa canle de YouTube co obxectivo de tentar fomentar a curiosidade do público, difundir a cultura científica e ensinar a combater a desinformación. É autora tamén dos libros ‘Que lle dean á ciencia’ e ‘Eureka’, colabora con diferentes medios de comunicación e presentou dous programas de temática científica dirixidos por RTVE como ‘Science Truck’ e ‘What!? Tú cómo lo ves’.

Rocío Vidal será a terceira conferenciante da novena edición da Semana da Educación de Tomiño, un programa que cada ano reúne a expertos e expertas do mundo educativo para dar charlas de balde pensadas tanto para persoal docente e educador como nais, pais e familias que busquen formarse e informarse sobre diferentes aspectos relacionados coa educación a diferentes niveis.