Laura La Montagne & Picoamperio inaugura mañá o ciclo “Música no Románico” no concello de Tomiño O concerto será o primeiro de catro, desta vez, na Igrexa de San Salvador de Tebra,   a partir das 20.30 horas. Para todos os públicos e con entrada de balde

Dentro da axenda de verán do Concello de Tomiño, destaca con luz propia o ciclo “Música e Románico”, organizado por primeira vez dende a Concellalía de Cultura, co fin de por en valor o importante patrimonio histórico artístico que representan as igrexas de época románica situadas en catro parroquias do municipio (Santa Mª de Tomiño, San Salvador de Tebra, Santa Mª de Tebra e Barrantes).

Como complemento, especialistas en Historia da Arte, brindarán ao público unha breve explicación previa das principais características do templo que albergue o evento musical.

Inaugura o ciclo “Música e Románico” mañá venres ás 20.30h na Igrexa de San Salvador de Tebra, Laura La Montagne & Picoamperio. O concerto é para todos os públicos e con entrada de balde.

Melodías suaves, bucles vocais, percusións marcadas e atmósferas rascadas son elementos esenciáis da súa particular expresión artística. Na súa proposta misturan música medieval galaico-portuguesa e poesía, poñendo especial atención nas obras de Martín Codax, Airas Nunes, Rosalía de Castro e Luz Fandiño. Unha listaxe á que en 2021 se suma a poeta Xela Arias, á que está dedicado o Día das Letras Galegas.

Laura LaMontagne comeza o seu proxecto con PicoAmperio (DJ e produtor) en xullo de 2019 entre Santiago de Compostela e Lugo. Viñan de experiencias moi dispares. Pedro (Teo, 1995) participou do colectivo ‘Hip Hop Ateneu’ e dos grupos Pura Mestura e Furnier. Mentres que Laura (Lugo, 1993) experimentou nos recitáis de poesía de Compostela, en concertos en solitario e noutros proxectos previos dos que formou parte.