LUÍS FERNÁNDEZ E MANUEL OCHOA NA ICF RANK DE AUGSBURGO Na fin de semana do 4 e 5 de xuño, celebrouse na localidade xermana de Augsburgo unha competición de carácter internacional na que se deu cita a elite do slálom mundial

Na fin de semana do 4 e 5 de xuño, celebrouse na localidade xermana de Augsburgo unha competición de carácter internacional (ICF Rank. Canoa Slalom Ranking Mundial) na que se deu cita a elite do slálom mundial, pois é puntuable para o ranking do mundo de slálom e serviu, ademais, a modo de adestramento, pois os mundiais terán lugar nesta mesma canle a finais de xullo. A selección española acudiu ao completo.

Nela estiveron os teixugos Luís Fernández en C1 e Manu Ochoa en K1 e Slálom extremo, como parte desa selección española.

Luís en C1 tivo unha participación con moi pouca fortuna, pois nos dous intentos de entrar en semifinais, tivo unha penalización de 50 segundos que o deixaron fóra, rematando a competición en cuadraxésimo noveno lugar.

Sorte parecida correu Manuel en K1, no seu primeiro intento unha penalización de 50 segundos deixárono lonxe de semifinais, na segunda tentativa fixo unha baixada sen fallos, pero demasiado lenta para acadar unha das dez prazas en xogo. Rematou en cuadraxésimo quinto lugar.

Manuel participou ademais na nova modalidade de slálom extremo. Nas contra reloxos fixo o quinto mellor tempo conseguindo pasar sen problema o filtro para as clasificatorias, pero non tivo tanta sorte na seguinte ronda, quedando fóra de semifinais. Rematou décimo oitavo.

Máis sorte tivo a outra galega presente no evento, Ainhoa Lameiro, do Piragüismo Penedo de Tui, conseguiu meterse nas finais de C1, e a piques estivo de subir ao podio ao rematar cuarta.

Fonte: Rosa Fernández Carrera.