Máis de 1.000 nenos e nenas de Tomiño e Cerveira coñecen ‘A pequena gran historia’ da Eurocidade

Máis de 1.000 nenos e nenas de Tomiño e Cerveira coñecen ‘A pequena gran historia’ da Eurocidade A mascota Mizi entregou esta guía que pretende reafirmar a Eurocidade como destino turístico amigo das familias

Para conmemorar o Día da Cooperación Europea, a Eurocidade Cerveira-Tomiño entregou este mércores a guía turística ‘A pequena gran historia – Eurocidade Cerveira-Tomiño’ a máis de 1.000 nenos e nenas de entre 6 e 12 anos de ambos os dous concellos. Coincidindo co arranque do ano escolar e grazas á colaboración do profesorado, este reparto adquiriu unha dimensión máis divertida e interactiva ao ser levada a cabo polas mans da simpática mascota Mizi.

Máis de 1.000 nenos e nenas de Tomiño e Cerveira coñecen ‘A pequena gran historia’ da EurocidadeTomiño e Vila Nova de Cerveira pretenden afirmarse así cada vez máis como un “destino amigo das familias”, aproveitando as súas potencialidades naturais, patrimoniais, culturais e de lecer en prol dunha experiencia realmente única. Neste sentido, esta publicación ilustrada procura dar a coñecer os lugares máis emblemáticos a visitar neste territorio transfronteirizo.

Cun perfil moi amigable e un discurso accesible, Mizi asume o papel de guía turístico e promete conquistar a atención das familias. A través de diferentes episodios, como a vida castrexa e a chegada dos romanos, a independencia de Portugal, a Guerra da Restauración ou a Invasión Francesa, Mizi explica a evolución histórica deste territorio transfronteirizo sen esquecer a realidade actual.

O carácter didáctico arredor da historia de cada concello e das relacións transfronteirizas comúns que, de maneira informal, sempre existiron e que serían impulsadas coa constitución da Eurocidade Cerveira-Tomiño en 2018, xustifica esta acción destes municipios ante a comunidade escolar. Ademais de captar a atención da cativada para a singularidade desta cooperación entre dous territorios de dous países, a oferta da publicación enmárcase tamén nunha acción de incentivo a hábitos regulares de lectura.

‘A pequena gran historia – Eurocidade Cerveira Tomiño’ está contada combinando os dous idiomas, optando por usar un ou outro de acordo co idioma no que foi escrito o texto orixinal e distinguíndoo coa súa bandeira respectiva. O obxectivo é tamén destacar a proximidade lingüística, derivada dunha orixe histórica compartida, e que contribúe a reforzar aínda máis os lazos de amizade.

É importante salientar que a publicación é resultado da aprobación do proxecto 0780_AMIZADE – Institucionalización Estratéxica da Cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do INTERREG V-A POCTEP 2014-2020.

Destácase tamén que o Día da Cooperación Europea celébrase anualmente o 21 de setembro con múltiples accións dinamizadas en diversas rexións de Europa que buscan subliñar o potencial e a riqueza cultural presentes nos diferentes países que forman parte da Unión Europea.