Máis de 1200 imaxes do fotógrafo tudense Juan Vila ingresan no Arquivo da Imaxe de Tomiño Para recoller este valioso material, a alcaldesa visitou o domicilio da familia, en Tui, e agradeceu este grande legado para o patrimonio da vila

A familia do fotógrafo tudense Juan Vila Botanes, xa falecido, vén de facer unha importante achega de máis de 1200 imaxes en papel relacionadas con Tomiño. O préstamo das fotografías, que lle serán devoltas unha vez se copien en formato dixital, pasarán a formar parte do futuro Arquivo da Imaxe de Tomiño, actualmente en fase de creación.

Nun primeiro reconto de aproximación contáronse 1281 fotografías, coidadosamente conservadas, o que foi posible grazas á xenerosidade da familia do fotógrafo tudense (1917-1990).

Para recoller este valioso material, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, achegouse ata o domicilio da familia, en Tui, á que visitou e agradeceu personalmente á viúva de Juan Vila, Carmen Pérez Rosende, o importante legado para o patrimonio da vila. “Esta impresionante achega, tanto polo seu tamaño como como polo interese documental e de calidade das obras, formarán a Colección Juan Vila Botanes. Tomiño. Deste xeito preténdese valorar e divulgar a obra realizada no noso territorio”, explicou a rexedora tras a visita.

Sandra González lembra que “temos que recoñecer o papel imprescindible destas dúas mulleres, Carmen e a súa filla Loli, pola súa participación profesional na obra de Juan Vila”.

“Grazas á constancia e bo facer de Carmen Pérez Rosende conservando e mimando este arquivo fotográfico, hoxe podemos coñecer esta obra íntegra, sen as perdas, espolios ou destrucións que sufriron outros arquivos fotográficos.

A colección recolle gran parte da actividade do fotógrafo no territorio de Tomiño. As diversas parroquias están representadas por moitas instantáneas e, no aspecto cronolóxico, son maioría ás que pertencen á década dos anos ‘50 (século XX).

Sobresae a temática relacionada con festas e romarías: as procesións, as regueifas que portaban as “maiordomas”, o baile, os xantares campestres, a participación de nenas e nenos en danzas e carros triunfais, os retratos de grupo e demais aspectos en que se mesturan a relixiosidade popular e o divertimento.

O futuro Arquivo de Imaxe de Tomiño está en pleno proceso de formación e conta xa cunhas 9000 fotografías recollidas de diferentes fontes, incluída a veciñanza do municipio e arredores.