Máis de 150 autocaravanas concéntranse en Tomiño na estrea da nova área do Seixo

Máis de 150 autocaravanas concéntranse en Tomiño na estrea da nova área do Seixo

Persoas de Galicia, Asturias, León e Portugal  gozaron dunha fin de semana chea de actividades para dar o pistoletazo de saídas a unha das poucas zonas habilitadas na comarca

Éxito absoluto da inauguración da nova área de autocaravanas do Seixo. Tomiño encheuse esta fin de semana de vida coas máis de 150 autocaravanas e máis de 250 persoas apaixonadas desta forma de viaxar de Galicia, Asturias, León e Portugal que se achegaron ata o municipio para desfrutar dunha fin de semana chea de actividades e coñecer de primeira man as novas instalacións postas en marcha polo concello no aparcadoiro da Rocha.

Persoas de Galicia, Asturias, León e Portugal  gozaron dunha fin de semana chea de actividades para dar o pistoletazo de saídas a unha das poucas zonas habilitadas na comarcaO Concello fixo esta instalación, a segunda de Tomiño tras a estreada o pasado verán en Goián, na súa aposta por favorecer “un modelo de viaxe alternativo que se ten incrementado moito tras a pandemia e que é un turismo respectuoso, que valora a contorna, desestacionalizado e que consume no comercio e na restauración local, como puidemos comprobar durante toda esta fin de semana no Seixo. Son áreas instaladas preto dos núcleos que nos permite ofrecer ás e aos visitantes estar cerca de lugares con todo tipo de servizos e que ao mesmo tempo enriquece visiblemente á economía local”, sinalaba a alcaldesa, Sandra González.

A rexedora amosou a súa ledicia ao ver como ducias de socios e socias da Asociación Galega de Autocaravanistas (AGA) se achegaron a Tomiño durante toda a fin de semana para desfrutar dunhas novas instalacións que conquistaron a todas e todos os usuarios, xa que “apenas hai zonas deste tipo da comarca e estas están nunha situación estupenda que merece moito a pena visitar”.

A zona de autocaravanas do Seixo conta con seis prazas sinalizadas e cos servizos necesarios para baleirar as augas grises de cociña e baño e as augas negras (WC), así como para o abastecemento de auga para poder encher o depósito e iluminación pública, axardinamento e arborado do perímetro. O Concello investiu 40.000 euros na posta en marcha deste espazo que sitúa ás e aos visitantes a menos de 5 minutos camiñando do núcleo do Seixo.

A alcaldesa felicitou unha vez máis á Asociación Galega de Autocaravanas pola súa implicación na posta en marcha das áreas de Goián e do Seixo, asesorando ao Concello sobre as necesidades das e dos usuarios, e pola súa participación activa para achegalas entre os seus socios e socias. Sandra González quixo agradecer ademais a colaboración da Comunidade de Montes de Tomiño, que xa cedera hai anos os terreos e a edificación situados onde está agora zona de autocaravanas do Seixo e que fora reformada como instalacións da Policía Local e de Benestar Social.