María Gregorio López celebrou o seu centenario nunha residencia de Tomiño A Concellería de Benestar Social fíxolle chegar un pequeno agasallo a través de voluntari@s de Protección Civil

María Gregorio López vive no Geriátrico Residencial Tomiño (barrio da Salgosa). O día 16 de abril cumpriu 100 anos. Debido ao confinamento, tivo que celebrar o seu centenario sen a presenza dos seus tres fillos: Fermín, Jose M. e Mª Joaquina.
A Concellería de Benestar Social, que dirixe Cristina Martínez, fíxolle chegar un pequeno agasallo (unha caixa de bombóns) a través de dous voluntarios de Protección Civil Tomiño, que tamén lle levaron unha tarxeta de felicitación, desexándolle que continúe con boa saúde, coma ata agora, e moito ánimo para sobrelevar estes momentos difíciles.
Tomiño conta cunha decena de persoas centenarias na actualidade e os habitantes de entre 80 e 100 anos superan os 900. Na vila hai dúas residencias de maiores de titularidade privada nas que, afortunadamente, até o momento non se detectaron casos positivos de Covid19.