Maxia internacional en clave de humor con Cayetano Lledó en Tomiño

Maxia internacional en clave de humor con Cayetano Lledó en Tomiño O mago chega este domingo 12 ao auditorio de Goián con ‘Maxia Deluxe’, un espectáculo que quedou no top 4 no campionato do mundo de maxia de Busán

Cayetano Lledó é mago, pero non soamente. Interpreta, fai malabares e, sobre todo, ilusiona e fai rir. Eses son os principais ingredientes do espectáculo co que desembarca este domingo 12 de novembro en Tomiño, ‘Maxia Deluxe’, unha proposta que acadou a curta posición na clasificación internacional no Campionato do Mundo de Maxia de Busán, en Corea do Sur.

Dedicado a público familiar, Cayetano Lledó subirase ao escenario do auditorio municipal de Goián para sorprender ao público con todo tipo de proezas incribles en clave de comedia. Un entretido espectáculo no que todas as persoas asistentes poderán desfrutar dunha escolma de técnicas innovadoras mesturadas con xogos de sempre para experimentar en familia.

Ilusionista, produtor teatral e actor da improvisación, Cayetano Lledó o mesmo fai un retrato en poucos minutos, que hiptoniza ao público ou deslumbra coa súa maxia. Participante en festivais e congresos de dentro e fóra de Europa e gañador do terceiro premio en Maxia Cómica no Congreso de España de 2017, Lledó ten actuado coa súa maxia en teatros de todo o mundo, dende Canadá, Taiwán ou China ata Suíza, Francia, Inglaterra, Finlandia ou Xapón, entre moitos outros.

A alcaldesa, Sandra González, anima a todo o público a gozar este domingo deste espectáculo único no que maxia, ilusión e humor se mesturarán para namorar ao público asistente. A actuación comezará ás 17.30 horas e terá un prezo de 7 euros para persoas adultas e 3,5 euros para infancia. As entradas poderán adquirirse unha hora antes no despacho de billetes do propio auditorio de Goián.