Mercar no comercio de Tomiño ten premio

Mercar no comercio de Tomiño ten premio Unha trintena de establecementos sortearán 200 carriños Rolser entre a clientela que realice compras por un valor superior a 10 euros

O Concello de Tomiño continúa poñendo en marcha novas iniciativas coas que dar pulo ao comercio local, devolver a animación as rúas do municipio e mesmo fomentando e premiando o consumo de proximidade. Ao abeiro da campaña Vive!, numerosos establecementos dos núcleos de Tomiño, Goián e de Forcadela repartirán 200 carriños para a compra Rolser entre os veciños e veciñas que aposten por mercar no seu municipio.

Dende este mesmo venres 6 de maio ata o vindeiro día 22, unha trintena de establecementos entregarán á clientela que realice compras superiores a 10 euros o propio tícket de compra, co que se poderá participar neste sorteo. O proceso de participación será sinxelo: tras realizar a compra, poñer polo reverso do tícket os datos de contacto e depositalo nunha urna que haberá habilitada en cada un dos comercios adheridos ao sorteo.

Na iniciativa participarán establecementos do núcleo do Seixo, como Frutas Berbe, A Mata e A Carnicería de Ana no Mercado de Tomiño; Chevere Perfumería, Galióptica, Limón y Fresa, Morell85, Parafarmacia Tomiño e Roupa Paredes na rúa Gondomar; Lencería Duente, Estipel, J. Carrera Decoración, Joyería Pazo, Parafarmacia Roma, Streetwise Babi e VIP na rúa A Guarda; Agrícola Tomiño e La Ducekatta na Avenida República Argentina; Mercería O Fío en Buenos Aires; Lito Sport e Arte Perruquería na Praza da Mina; Librería Novidades na rúa Colón; e Tenda Moldes na rúa da Feira.

Xa no núcleo de Goián están adheridos ao sorteo Goichic Lifestyle Shop e Perfumería Droguería Nobel na Avenida Ordóñez e La vida es bella na Avenida Pío Troncoso. En Forcadela tamén poderá participar a veciñanza que merque no Estanco Manuel Álvarez Carrera e na Perruquería e Estética A Coquetiña.

O 23 de maio sortearanse os carriños para a compra entre todas as persoas participantes.