Ministerio de Cultura e Eurocidade Cerveira-Tomiño arrancan no Miño unha colección sobre os principais ríos da Península Ibérica

Ministerio de Cultura e Eurocidade Cerveira-Tomiño arrancan no Miño unha colección sobre os principais ríos da Península Ibérica Tomiño acolle este venres 22 (20 h) a presentación do libro interactivo ‘O Miño sereno’

Trátase dun volume no que as primeiras fotografías do río dialogan con ilusións en 3D, audios e vídeos 

A Eurocidade apostou por este proxecto de Lucía Laín que se aliñaba coa vontade de reivindicación, preservación e divulgación da riqueza patrimonial, histórica e natural do Miño

Unha viaxe no tempo polas páxinas dun álbum dinámico no que poesía e fotografías son as principais aliadas. Así é ‘O Miño sereno’, o primeiro volume de ‘A memoria dos ríos’, unha colección dedica aos principais ríos da Península Ibérica posta en marcha polo Ministerio de Cultura y Deporte e que neste primeiro libro conta co apoio e financiamento da Eurocidade Cerveira-Tomiño.

Un proxecto que arranca en augas do Miño e que permitirá desfrutar ao público da riqueza deste río a través dun libro interactivo da documentalista Lucía Laín que propón unha viaxe dende o seu nacemento ata a desembocadura. “A riqueza que nos brinda a propia natureza do río xunto ao inmenso abano de posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías fan deste libro unha oportunidade única para trasladarse á realidade do río, co seu pasado e o seu presente”, salienta a autora.

Neste libro o público poderá deixarse levar polos efectos inspirados na visión binocular da fotografía estereoscópica, por ilusións en 3D, audios e vídeos para achegarse a momentos históricos como o lanzo da cruz ou as distancias e os tempos marcados polas propias redes dos pescadores ou a lugares como a Ilha dos Amores, acompañados de imaxes de principios do século pasado e de testemuños actuais.

 

 

“Ao longo dos máis de 300 km que percorre dende a súa desembocadura, voces de onte e de hoxe atopan o reflexo nas súas augas nun libro no que o fío condutor é o curso do Miño, un río nobre, sereno, melancólico, soberbio, internacional…”, explica Laín. A autora recalca que “o testemuño das e dos habitantes de ambas beiras do río permítenos achegarnos ás súas lembranzas. As fotografías que levan consigo dormen en caixóns ou nalgunha estancia dos seus fogares. Son memorias de tempos de pesca, de tradición e de romaría, memorias tecidas en colectividade”.

Coincidindo co Día Mundial dos Ríos, o libro presentarase este venres 22 de setembro ás 20.00 horas no Auditorio de Goián nun acto de balde no que participarán a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira; e a propia Lucía Laín, documentalista, guionista e comisaria de exposicións. Durante o acto proxectarase unha coidada selección de pezas documentais protagonizadas polos habitantes do río Miño. O volume estará dispoñible para o público de forma virtual e en cinco idiomas: galego, portugués, castelán, francés e inglés.

A Eurocidade Cerveira-Tomiño fixo unha clara aposta por este proxecto de Lucía Laín que “se aliña perfectamente coa vontade de reivindicación, preservación e divulgación da riqueza patrimonial, histórica e natural do Miño, o recurso común que artella a alianza estratéxica transfronteiriza dos nosos dous concellos”.

 

VER O LIBRO INTERACTIVO ‘O MIÑO SERENO’