Misterio, paixón e igualdade con Estudio Momento este sábado 25 en Tomiño A compañía chega ao auditorio municipal con ‘1888. A señorita Xulia’, unha adaptación da obra de August Strindberg galardoada co Premio Luísa Villalta

O sábado 25 de novembro ás 21.00 h no auditorio de Goián con entrada de balde

Un misterioso asasinato, un ambiente sórdido, un interrogatorio interminable. Eses son os alicientes de ‘1888. A señorita Xulia’, unha orixinal proposta de Estudio Momento que ofrece ao público unha visión actualizada da obra de August Strindberg cun dos personaxes femininos máis fortes escritos xamais.

A compañía estará no auditorio municipal de Goián este 25 de novembro con este espectáculo gañador do Premio Luísa Villalta pola Igualdade en 2018 que forma parte da programación posta en marcha polo Concello de Tomiño para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Inés Ares e Carlos Mejuto protagonizan unha versión rompedora da obra na que Estudio Momento volve a demostrar o seu compromiso co feminismo rescatando un clásico para seguir afondando na ardua tarefa de construír un futuro mellor no que as mulleres teñan sempre a liberdade de pensar e vivir por elas mesmas.

Cunha estrutura áxil e cun toque cinematográfico de thriller actual, Estudio Momento presenta a historia de Xulia, que decide aproveitar a ausencia do seu pai o Conde para organizar unha festa segreda cos criados. Durante a velada seduce a Juan, criado predilecto do Conde, e os dous amantes caen nun perigoso xogo de paixón, violencia, inocencia e amor, dúas criaturas vítimas do condicionamento social e moral dos seus mundos. O público poderá gozar da loita entre o home e a muller, deixando nun segundo plano a loita de clases.

A obra poderá verse ás 21.00 horas con entrada de balde. As localidades poderán adquirirse unha hora antes do espectáculo no despacho de billetes do auditorio de Goián.