Música en directo entre plantas na Feira de Cultivos do Baixo Miño

Música en directo entre plantas na Feira de Cultivos do Baixo Miño Concello e acuBam preparan un evento cunha ampla programación de lecer na que destacará a aposta por un sector agro verde e sustentable

Do 14 ao 16 de xuño na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián

A Feira de Cultivos do Baixo Miño moverase ao ritmo da música en directo. Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e Concello de Tomiño ultiman os detalles dunha programación deseñada para que o público asistente desfrute nun ambiente único das plantas, do sector agro e dos cinco concertos previstos para gozar dos tres días de feira.

As sesións vermú converteranse no momento perfecto para desfrutar da Feira de Cultivos do Baixo Miño ao son da mellor música. O sábado 15 Two in the mirror será o grupo encargado de amenizar a sesión matinal co seu pop, soul, jazz e funk ás 13.30 horas, mentres que o domingo 16 a o rock acústico de Awen soará na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián.

Non serán os únicos concertos da Feira de Cultivos do Baixo Miño. A feira inaugurará a súa parte máis musical o venres 14 ás 22.30 horas co gran concerto de La Patrulla, un grupo vibrante e enérxico que conquistará ao público coa súa fusión de versións excepcionais con composicións orixinais. O sábado 15, ás 22.00 horas saltará sobre o escenario San Rockers cun amplo repertorio das cancións máis influíntes do pop rock español. A Feira de Cultivos baixará o pano da súa décimo novena edición co concerto de Somoza Trío, unha banda que leva por bandera o entretemento a través da música.

A Feira de Cultivos rematará ademais venres e sábado cun after-fair nos locais de Goián. Vaya punto, Avenida, Atalaya, Novo punto, Vello París e a cantina do Centro Goianés abrirán as súas portas para que o público poida seguir gozando dun momento agradable despois da feira tomando algo na mellor compañía.