Música que une xeracións na Coral Polifónica de Tomiño

Música que une xeracións na Coral Polifónica de Tomiño Composta por máis de 30 integrantes, animan a toda a veciñanza a unirse a esta gran familia e desfrutar con elas e eles do canto

 A formación sorprenderá ao público co seu tradicional Concerto de Outono este domingo 15 ás 19.00 horas

Máis de 30 persoas unidas pola súa paixón pola música e o canto, varias xeracións que conforman unha gran familia cun nexo común: pertencer á Coral Polifónica de Tomiño. A formación quenta xa as súas voces para sorprender esta fin de semana ao público co seu tradicional Concerto de Outono, unha actuación na que estará acompañada pola Coral Polifónica de Bueu coa que facer desfrutar ao público coas súas cancións populares, clásicas e contemporáneas.

Un amplo repertorio que ensaian de forma puntual cada luns con moita ledicia e coa ilusión de subirse ao escenario e transmitir a súa paixón ao resto do mundo. “Estamos moi orgullosas e orgullosos de todo o que estamos a facer e sempre animamos á xente a que se anime a formar parte desta gran familia. É unha actividade moi bonita non só para nós, senón tamén para a vila”, explica unha das súas integrantes, Esperanza Silva, Panchita.

A Coral Polifónica ten as portas abertas a recibir novos integrantes de todas as idades e sumar voces a un equipo formado por xente dende os 50 aos 83 anos. Ademais dos ensaios, á formación faille moita ilusión poder embarcarse en actuacións que a leva a percorrer toda Galicia, “porque non todo vai ser ensaiar, tamén hai que gozar do canto”. Tras a participación hai uns días nunha romaría con outras 21 corais organizada pola Federación Galega de Corais na Estrada, xa teñen a mente posta no concerto deste domingo 15 e no que darán nos vindeiros días en Bergantiños.

Panchita leva 27 anos na Coral, “dende os seus inicios”, e non cambia cantar na formación por nada do mundo. “É de eloxiar a paixón e o compromiso das e dos que formamos esta coral e a forma que temos de desfrutar da música, unha forma de expresión cultural que nos enriquece a todas e todos”, recalca.

“A min encántame participar na coral, síntome ben nela e desfruto vendo á xente feliz”, destaca ao tempo que anima a todo o mundo a apuntarse á Coral e formar parte desta gran familia. “É unha forma de socializar, de facer amizades e de vivir a música, que une xeracións e enriquece as nosas vidas dun xeito único”, confesa.

A coral tomiñesa comezou a súa andaina no ano 1997 e na actualidade ten gañado o recoñecemento do público pola súa calidade e estilo único. Baixo a dirección de David González, este domingo 15 de outubro, deleitará á veciñanza co seu Concerto de Outono ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián, un espectáculo de balde e para todas as idades. Coa vista posta xa neste concerto, Panchita e o resto de integrantes da Coral non deixan de pensar en novas actuacións e prometen algunha sorpresa para o seu tradicional Concerto de Nadal.