Músicos e magos de Tomiño participan nun festival a través de Instagram durante a fin de semana Todos os mozos colaboran de xeito gratuíto e o Concello faise cargo só do deseño da cartelería e da promoción do evento

O Concello de Tomiño organiza, a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), o festival #NaSantaCasiña coa idea de ofertar alternativas de lecer estes días de Semana Santa.

Música e maxia a través de directos feitos na plataforma INSTAGRAM, coa colaboración desinteresada de artistas mozos (na súa maioría tomiñeses), coma o Mago Zanas e Samuel Moreno Maxia, e os Dj Joselete, Cristian Pereyra, Darío Gz e Gustavo. Tamén estará Izan e cantando e tocando a guitarra, Eder González, membro do Grupo América. E á última hora uniuse Andrés Acevedo, con blues, pop, indie, rock…

Todos estes mozos colaboran de xeito gratuíto e o Concello faise cargo só do deseño da cartelería e da promoción do evento.

As actuacións de #NaSantaCasiña comezarán o venres de Semana Santa ás 17.00 horas, con o Dj Joselete (17.00 a 17.30h), seguido do Mago Zanas (17.45 a 18.15h) e Cristian Pereyra (18.30 a 19.00h).

Este último, acostumado xa a actuar a través das redes, está encantado de poder colaborar e non so pensou cando se o propuxeron dende a OMIX. Natural de Figueiró, Ten pensado pinchar un pouco de todo, para que as familias dende a casa poidan desfrutar da música actual, reggaeton ou rock inglés. Comenta que dende que comezou o confinamento, organiza todos os venres e sábados un show para os seus veciños e veciñas, con luces e todo.

O mago Zanas, tamén tomiñés, ten 23 anos e leva 8 metido na maxia, e en verán soe participar en moitos eventos culturais e festas, sendo tamén un dos convidados da Volta de España. Este finde presentará unha serie de xogos de cerca, con cartas e outros obxectos da casa, coma moedas, azucarillos, etc. Pedirá a colaboración do público e realizará ademais un xogo á vez con catro participantes en riguroso streaming.

Eder González, experimentado músico tomiñés, membro do Grupo América, cantará o sábado de 18.30 a 19.00h, acompañado coa súa guitarra, versións de cancións populares, pop e rock, estrenándose neste tipo de concertos online pero ilusionado.

Coma os demais artistas e compañeiros, coincide en celebrar a idea de organizar un festival destas características dende a OMIX, polo que non dubidou un momento cando o convidaron.