Nadal para gozar en familia en Tomiño cunha decena de actividades

Nadal para gozar en familia en Tomiño cunha decena de actividades O Concello prepara unha programación para estas festas con música, obradoiros, maxia e unha morea de propostas máis

Tomiño prepárase para dar a benvida a un Nadal cheo de cor e de lecer para todos os públicos. Durante todo o mes de decembro, o Concello pon en marcha unha ampla programación “coa que buscamos que a veciñanza goce desta época tan sinalada non só cunha morea de actividades todas de balde, senón tamén convidando a todas as tomiñesas e tomiñeses a desfrutar do municipio, saír ás rúas e mercar no noso comercio local”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

O pistoletazo de saída ao Nadal en Tomiño darase este mércores 6 de decembro co tradicional acendido das luces, que encherán a vila de cor a través de diferentes elementos decorativos que crearán un acolledor ambiente para estas datas. A partir de aí comezará un programa no que o público poderá desfrutar un ano máis do Concerto de Nadal da Coral Polifónica de Tomiño, que se celebrará o domingo 10 de decembro ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián.

A programación continúa con máis música o domingo 17 de decembro, nesta ocasión co tradicional Concerto de Nadal da Agrupación Musical de Goián, que porá o broche final aos actos de celebración do 25 aniversario da entidade e que contará coa actuación das Bandas da Escola de Música e da propia Agrupación. Será ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián.

O martes 26 de decembro chega o Nadal ao mercado municipal con varias actividades para público familiar que comezarán con ‘Contarte con Arte’ de Migallas Teatro, un espectáculo co que a compañía achegará un teatro comprensible, crítico e entretido, bebendo da tradición e da vida cotiá, cunha visión universal das situacións humanas máis próximas. O obradoiro será ás 11.30 horas no primeiro andar. Xa o xoves 28 de decembro será a quenda de Cayetano Lledó e a súa ‘Maxia especial de Nadal’, un espectáculo máxico e sorprendente apto para todos os públicos ás 11.30 horas tamén no Mercado municipal.

O venres 29 de decembro será a quenda da Gran Chocolatada de Nadal Adeto na Praza do Seixo ás 16.30 horas e o sábado 30 de decembro o público poderá desfrutar da Festa Pre Fin de Ano ás 22.00 h. Para rematar o ano, o 31 de decembro o Apalpador visitará aos nenos e nenas tomiñesas ás 12.00 horas no Mercado de Tomiño.

O ano comezará un ano máis con inchables de balde o mércores 3 e o xoves 4 de xaneiro na Praza do Seixo e a tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro polas parroquias e a Praza do Seixo.

Por outro lado, o Concello quere seguir apoiando ao comercio local nestas datas, polo que puxo en marcha unha nova edición da campaña ‘Nadal + Nadal’, unha iniciativa que busca premiar tanto aos establecementos tomiñeses como a todas aquelas persoas que escollen mercar no seu municipio. Do 7 ao 27 de decembro os usuarios e usuarias participarán no sorteo de vales de compra polo dobre do valor dos seus tíckets, mentres que os establecementos competirán por ver quen deseñou a mellor decoración de Nadal tanto dentro dos locais como nos escaparates.